Ir o contido principal

O Servizo Universitario de Residencias oferta 1.061 prazas para o curso 2021-2022

Unha vez procesadas as solicitudes, o 27 de xullo publicarase a lista provisional de solicitantes admitidos/as a trámite e excluídos/as. FOTO: Santi Alvite
Unha vez procesadas as solicitudes, o 27 de xullo publicarase a lista provisional de solicitantes admitidos/as a trámite e excluídos/as. FOTO: Santi Alvite
O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata as 14.00 horas do 28 de xuño
Lugo, Santiago de Compostela

A USC acaba de abrir o prazo para concorrer á convocatoria ordinaria de prazas de aloxamento do Servizo Universitario de Residencias (SUR) para o vindeiro curso 2021-2022, ata as 14.00 horas do vindeiro 28 de xuño. Ofértanse un total de 1.061 prazas e a solicitude deberá cumprimentarse no formulario accesible por vía telemática que figura nesta páxina web. Unha vez cuberto, o/a solicitante, agás as persoas de readmisión sen cambios  nos  membros  da  unidade  familiar,  deberá  presentar  a  solicitude  no  Rexistro  Electrónico  da  USC ou a través dos medios establecidos no texto da convocatoria.

Os prezos establécense en función da Renda Persoal Dispoñible (RPD) e oscilarán dende os 62 euros ao mes en cuartos individuais para persoas cunha RPD de ata 2.500 euros; ata os 292 euros ao mes, no caso das persoas cunha RPD dende os 9.000 euros. No caso dos cuartos compartidos, os prezos van dos 46 aos 251 euros mensuais.

Unha vez procesadas as solicitudes, o 27 de xullo publicarase a lista provisional de solicitantes admitidos/as a trámite e excluídos/as en función do cálculo da puntuación académica e económica. Os/as interesados/as dispoñen de prazo ata o 9 de agosto para emendar a súa solicitude e entregar a documentación requirida, ou que estimen oportuna, para completar a solicitude. O 11 de agosto publicaranse as listas definitivas de admitidos/as en cada centro, a lista de agarda e a  relación de excluídos/as.

As persoas que queden na lista de agarda e desexen seguir optando a unha praza no SUR, teñen de prazo para confirmalo ata  o  17  de  agosto por  medio  do formulario que  figura  na  páxina  web. De  non  facelo,  entenderase que desisten da súa petición e de permanecer na lista de agarda. As persoas admitidas deberán aboar a cantidade de 150 euros en concepto de fianza de reserva de praza entre o 11 e o 17 de agosto.

Verán

A USC convocou asemade prazas de aloxamento para membros da comunidade universitaria ou alumnado da universidade de verán 2021, durante o período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de agosto de 2021. Nesta  convocatoria  ofértanse  prazas  en  todas  as  residencias  universitarias  e  colexios  maiores  do  SUR,  agás no mes de agosto que só permanecerán abertos o Colexio Maior Fonseca e a Residencia Universitaria Burgo das Nacións. Os/As residentes e colexiais do curso 2020-2021 que desexen continuar no centro no que residiron durante o curso poderán solicitalo ata as 14.00 horas do 27 de maio de 2021. Para o resto de solicitantes, o prazo permanecerá aberto dende o 28 de maio, ata as 14.00 horas do 23 de agosto de 2021.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 20.05.2021.