Ir o contido principal

Unha sesión dobre na Igrexa e no Paraninfo da Universidade inaugura o programa do XVII Ciclo de Novos Intérpretes

O Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación Galega da Lírica iniciará o luns 19 a súa décimo sétima edición cunha dobre sesión na Igrexa da Universidade e no Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia. Esta nova edición congregará a máis de corenta novos músicos e músicas galegos residentes en Galicia coa música de cámara de protagonista. O programa a desenvolver ata o mes de marzo, cun total de dez concertos de entrada libre, achegará unha gran variedade de instrumentos (piano, violín violoncello, frauta, viola, guitarra, marimba, arpa, órgano,..), a presenza de tres cantantes (dúas sopranos e un barítono), así como diversos grupos de cámara, algún deles con combinacións pouco habituais. Este ciclo é o certame galego en activo máis antigo dedicado a novos intérpretes. O primeiro concerto celebrarase o próximo luns en dous espazos diferentes: logo dunha primeira sesión a partir das 20.00 horas n Igrexa da Universitaria, o repertorio continuará a partir das 20.30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). A organista compostelá Julia Ammerman Yebra será a encargada de inaugurar o ciclo cunha interpretación no órgano histórico da Igrexa da Universidade. Tras rematar os estudos profesionais de piano no conservatorio de Santiago en 2009, Julia Ammerman comezou a estudar órgano con Marisol Mendive no Conservatorio Profesional de Ourense, estudos que compaxinou cos de Dereito. É organista habitual da Colexiata de Santa María de Villafranca del Bierzo e o programa que ofrecerá nesta ocasión inclúe obras dos séculos XVII e XVIII (primeira metade) de Aguilera de Heredia, Bach e Cabanilles. Unha vez trasladados ao Paraninfo da Universidade da Facultade de Xeografía e Historia, arredor das 20.30 horas será a quenda da pianista Ana Fernández Gayoso. Monfortina de 21 anos que actualmente cursa cuarto do grao superior de piano no Conservatorio Superior de Música de Vigo, onde é alumna de Nicasio Gradaille, interpretará a Terceira Sonata para Piano de Ludwig van Beethoven. Ana Fernández Gayoso tamén estuda saxofón e tradución e interpretación. Para rematar o concerto, presentarase o barítono ferrolán Gabriel Alonso Díaz, unha prometedora voz formada no conservatorio da súa cidade natal e que actualmente é alumno do prestixioso barítono Juan Jesús Rodríguez. Gabriel Alonso estará acompañado ao piano polo mestre do Conservatorio Superior da Coruña Ricardo Blanco Rodríguez e interpretará un programa con dúas partes ben definidas dedicadas a ópera (arias das óperas L’elisir d’amore e Don Pasquale de Donizetti e do Don Carlo de Verdi) e a zarzuela (romanzas das zarzuelas La linda tapada de Alonso, Luisa Fernanda de Moreno Torroba e La del soto del parral de Soutullo e Vert). Como dende a súa primeira edición, o ciclo está especialmente dedicado aos máis novos e novas intérpretes galegos e residentes en Galicia para que comecen a adquirir a experiencia necesaria nun escenario ao tempo que tamén se achega a música ao público máis novo. Quince anos de historia e case cincocentos participantes avalan xa unha sólida traxectoria dunha convocatoria pensada en prol da difusión da música.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2015.