Segunda sesión ‘fóra da escola’ de Empréga-T, que comezou xa cos circuítos de adestramento
O programa formativo Empréga-T para o desenvolvemento de competencias profesionais comezou este martes no vestíbulo da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago o circuíto de adestramento persoal Adéstra-T. Nel simúlase un proceso de selección real en cinco pasos, dende a construción da imaxe e do currículo vitae ata as dinámicas de selección pasando por unha entrevista de traballo e a práctica do discurso.
Ademais, este ano púxose en marcha en Santiago un novo bloque -‘Relacióna-T: Universidade na rúa’- con eventos fóra das aulas para seguir aprendendo nun ambiente máis relaxado e animado. Logo do primeiro con Pablo Castiñeira, de Vella Escola, este mércores 15 será a quenda de Jesús González, da app Tapper para reducir o desperdicio alimentario, e Marcos López, de 3DAcoustic, empresa que proporciona audífonos personalizados con moldes impresos en 3D. A sesión será ás 20.30 horas no bar Caldeirería 26.
O adestrador do Obradoiro CAB, Moncho Fernández, será o relator do terceiro destes encontros, sobre a importancia do traballo en equipo, que se desenvolverá o mércores 22 na cafetaría Reno. As xornadas rematarán o xoves 30 no Singulario cunha dinámica de networking.