Ir o contido principal

Nova sesión do laboratorio EmprendeLab co director de Plain Concepts

‘Mamá: quero ser emprendedor! Pero fillo, non será mellor ser funcionario?’. Este é o título dunha nova sesión do laboratorio EmprendeLab –ciclo de conferencias e obradoiros sobre emprendemento organizado polo CiTIUS-, que abordará a realidade do emprendemento dende unha perspectiva práctica e desenfadada coa visita do director executivo da empresa Plain Concepts, Pablo Peláez. A sesión celebrarase este venres 22 ás 12.30 horas no Salón de Actos do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información . Plain Concepts, unha compañía española con preto de 60 empregados e oficinas en Seattle, Madrid e Bilbao, especializada en áreas como tecnoloxías Microsoft, computación na nube (cloud computing), arquitectura software, consultaría, mecenado (mentoring) ou formación, entre outros. A conferencia pretende formular con certas doses de humor o que realmente significa apostar polo emprendemento, desmontando os clixés asociados á figura do emprendedor que non adoitan corresponderse coa realidade; conceptos coma «diñeiro», «fama» ou «poder», darán lugar a outros máis realistas, como as dificultades cotiás ou o medo ao fracaso. Non obstante, o obxectivo final da charla será demostrar que é posible ter éxito na tarefa do emprendemento. Pablo Peláez considera importante destacar que, se ben nalgúns casos un proxecto pode fracasar, a experiencia de emprender sempre paga a pena. Esta é a principal razón pola que o conferenciante aspira a presentar unha exposición amena e divertida, centrando os seus esforzos en dar esperanza a todos aqueles/as mozos/as que desexen apostar polo camiño do emprendemento. Con todo, Peláez é consciente das dificultades que carrexa o labor de emprender, afirmando que se trata dun esforzo con escaso recoñecemento social. Por iso, intentará apoiarse nas situacións e experiencias que foi afrontando como emprendedor, para tratar de adiantarse aos erros máis frecuentes. En opinión do director de Plain Concepts, «hai moi poucos Mark Zuckerberg ou Bill Gates, e moitos emprendedores que non tiveron éxito; pero todos teñen algo en común que os diferenza do resto: intentárono».

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.03.2013.