Sete traballos de estudantes de ESO, finalistas galegos do concurso ‘Incubadora de sondaxes e experimentos’
A final galega do XIV Concurso ‘Incubadora de Sondaxes e Experimentos’ desenvolverase o venres 7 de xuño na Facultade de Matemáticas compostelá entre as 9.30 e as 13.30 horas. O certame, organizado pola Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación Operativa (Sgapeio) está dirixido a alumnado de secundaria de Galicia que presenta traballos de investigación estatística realizados por equipos de ata cinco estudantes baixo titorización docente.
Os traballos finalistas da fase galega na categoría de 1º e 2º da ESO son ‘Existe o efecto Pigmalión?’, do IES de Mugardos; ‘Emociónate connosco!’, do IES de Cacheiras (Teo) e ‘Focos de atención’, do IES de Cacheiras (Teo). Na categoría de 3º e 4º da ESO son finalistas ‘Que rarillos estos huevos’, do IES Ribeira do Louro (O Porriño) e ‘A pantera negra’, do IES de Cacheiras (Teo). Finalmente, os traballos finalistas na categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos de Grao Medio son ‘La alimentación no tiene desperdicio’, do CPR Plurilingüe San José de Pontedeume e ‘¿Cómo son las colas de los supermercados?’ do IES Plurilingüe Rosalía de Castro de Santiago de Compostela.
A este certame presentáronse 48 proxectos: de 1º e 2º da ESO, 12 traballos; de 3º e 4º da ESO 29 traballos e da categoría de Bacharelato e Ciclos Formativos de grao medio 7 traballos. A elección dos mellores traballos e a entrega de premios desenvolveranse o 7 de xuño na xornada da Facultade de Matemáticas e os traballos gañadores desta fase representarán a Galicia na fase estatal do certame, que se desenvolverá en Bilbao do 26 ao 28 de xuño, co precedente de que Galicia ten unha importante traxectoria de éxitos nesta fase en anos anteriores.
O xurado desta edición está presidido por Javier Tarrío Saavedra, profesor da Universidade da Coruña e membro da executiva de Sgapeio; Covadonga Rodríguez-Moldes Rey, vogal da executiva da Sgapeio que actúa como secretaria, e como vogais están Indalecio Cabana Leira, xefe Territorial da Consellería de Educación na Coruña; Leticia Lorenzo Picado, representante do Citmaga e da Universidade de Vigo; Marcos Rodríguez Rey do Instituto de Galego de Estatística e Matilde Ríos Fachal, profesora de Matemáticas.
O concurso nesta edición conta coa colaboración da Facultade de Matemáticas da USC, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, o Instituto Galego de Estatística (IGE), o Centro de Investigación e Tecnoloxía de Matemática de Galicia (Citmaga) e a empresa Gadis.