Ir o contido principal

A sétima edición da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios comezou na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago

A primeira sesión da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios comezou na ETSE coa asistencia dun destacado número de persoas
A primeira sesión da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios comezou na ETSE coa asistencia dun destacado número de persoas
Os catro bloques temáticos nos que se vertebra este encontro desenvolveranse en días sucesivos nas tres universidades galegas

O programa da sétima edición da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios comezou este luns, día 5, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, onde se celebrou a apertura oficial do encontro a cargo do director desta escola compostelá, Juan Lema, e do presidente do Foro e-Gallaecia, Marcelo Castelo, acompañados de representantes de empresas e institucións que apoian este evento tecnolóxico.
Promovida dende a súa orixe pola USC, a Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios ábrese este ano á participación activa das outras dúas universidades galegas que acollerán cadansúa sesión do programa previsto. Neste senso, esta sétima edición aspira a consolidar ao encontro como o acontecemento anual de referencia no eido da Sociedade da Información en Galicia. O programa de actividades estenderase ata o vindeiro xoves, día 8.
A Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios é unha actividade de carácter anual promovida pola Fundación Sabiria e organizada polo Foro e-Gallaecia, entidade da que a USC é socia fundadora, cuxa finalidade é o desenvolvemento da Sociedade da Información. Ao longo das pasadas edicións, os contidos deste encontro internacional captaron dunha maneira evolutiva o interese e asistencia de tecnólogos, tanto directivos como técnicos, convertendo este foro tecnolóxico no punto de encontro máis prestixioso para a actualización anual de coñecementos neste eido. De feito, algúns profesionais das TIC consideran que este encontro é cualitativamente o máis importante da Península Ibérica.
Entre os seus obxectivos, a Semana pretende conseguir o máximo impacto social a través da socialización do coñecemento; manterse de forma consolidada como o punto de encontro anual en Galicia entre sociedade, empresarios, universidade e administración pública; seguir sendo o aglutinador do debate intelectual de técnicos e directores de tecnoloxía; e promover o acceso ao coñecemento tecnolóxico de Galicia.
O programa deste ano inclúe catro bloques temáticos sobre seguridade, bases de datos e programación, que se desenvolverá en Santiago de Compostela; software libre, na Universidade da Coruña; mobilidade e telecomunicacións, na Universidade de Vigo; e management e sociedade da información, novamente na USC.
Programa do luns 5A primeira sesión do encontro estivo dedicada á seguridade, bases de datos e programación a través de relatorios nos que se analizaron a planificación da seguridade como un sistema global, experiencias en incidentes de intrusión en empresas, a aplicación da LOPD sobre os documentos en papel ou o informe europeo de seguridade na Peme, entre outros asuntos.
O martes, día 6, a Semana trasládase á Facultade de Informática da Coruña onde as distintas intervencións xirarán arredor do software libre.
Anteriores ediciónsAo longo das anteriores seis edicións, máis de 2.500 persoas pasaron pola Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios entre personalidades, relatores, asistentes e membros da organización. Deste total, preto de 2.200 foron os asistentes que acudiron ano tras ano á súa cita con este foro tecnolóxico.
En total, foron máis de 330 horas de relatorios, mesas redondas e debates con máis de 340 relatores ao longo de todos estes anos entre os que se atopaban os máis altos cargos da banca galega; representantes das principais empresas galegas e das maioría das delegacións de multinacionais establecidas en Galicia; directores xerais en España e Portugal de empresas multinacionais do sector tecnolóxico como Microsoft, Oracle, 3Com, Novell, IBM, Intel, Sun ou Vodafone; así como ‘gurús’ nacionais e internacionais sobre as materias abordadas.
Na lista de conferenciantes da Semana Internacional de Tecnoloxía e Negocios atópanse nomes propios como os de Emilio Ontiveros, catedrático de Economía da Empresa; Marcelo D’Elia Branco, asesor da Presidencia da República de Brasil para a Sociedade da Información e impulsor do proxecto ‘Software Livre Brasil’; Mark Shuttleworth, sudafricano que se fixo multimillonario ao vender a súa tecnoloxía a Verisign e que empregou parte da súa fortuna en ser o segundo turista espacial da nave ‘Soyuz’; Enrique Dans, director da Área de Sistema se Tecnoloxías da Información do Instituto de Empresa; Jorge Valdano, ex futbolista e conferenciante sobre temas relacionados coa xestión empresarial; Piotr Sobolewski, especialista en sistemas informáticos de seguridade e creador da revista ‘Hakin9 Magazine’ e membro do grupo hakin9lab; Rudolh W. Giuliani, ex alcalde de Nova York; Rosa García, conselleira delegada de Microsoft Ibérica; ou Amparo Moraleda, presidenta de IBM para España e Portugal, entre moitos outros.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a páxina web da Semana (http://www.e-gallaecia.com/ ).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.11.2007.