Ir o contido principal

A sexta edición do Curso do Camiño de Santiago arranca o vindeiro luns

Está organizado por Cursos Internacionais da USC coa colaboración do Xacobeo

A sexta edición do Curso do Camiño de Santiago bota andar o vindeiro luns 3 de outubro a partir das 16.30 horas cun acto inaugural que presidirá o vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Víctor Millet, no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome. Está unha iniciativa que promove dende 2008 Cursos Internacionais da USC, inicialmente cunha convocatoria anual e, dende o ano 2010, dada a crecente demanda, con dúas en xuño e outubro. Esta edición conta coa colaboración do Xacobeo e nela participa alumnado na súa maioría de Brasil, a excepción dun de nacionalidade canadense. A inauguración do curso celebrarase o luns, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a partir das 16.30 horas presidida polo vicerreitor e coa asistencia ademais da xerenta de Cursos Internacionais, Lanzada Calatayud, e o coordinador do encontro, José M. Andrade Cernadas. Os participantes nesta quenda do curso son un grupo que responde a un novo perfil de estudante, cunha idade media de 50 anos e de alto nivel sociocultural. Proveñen de diferentes eidos profesionais, dende o eido da enxeñaría ata o da avogacía, ensino universitario, pasando pola función pública e o mundo empresarial, entre outros. Aínda que para moitos esta será o seu primeiro contacto con Compostela e o Camiño, hai tamén participantes cunha longa experiencia como peregrinos. Como sinalan dende Cursos Internacionais, todos eles amosan unha alta motivación por seguir un curso que combina o perfeccionamento lingüístico con contidos culturais vinculados ao Camiño de Santiago e á cultura galega. O programa ten unha duración de dúas semanas, os primeiros sete días na USC onde os estudantes reciben clases de lingua castelá, impartidas pola profesora de Cursos Internacionais Mili Muíña, e asisten a seminarios multidisciplinares sobre o fenómeno xacobeo impartidos polos profesores da Facultade de Xeografría e Historia, José Miguel Andrade, Miguel Taín, Xavier Castro e Alberto Martí. As clases compleméntanse con actividades culturais e aulas prácticas polas tardes, sempre de temática xacobea, como visitas á Catedral, á cidade histórica, ao Patrimonio da USC, un tour gastronómico e tertulias con xornalistas e escritores. Entre estas actividades destaca a recepción ofrecida polo alcalde de Santiago no Concello. Durante a segunda semana percorrerán acompañados por profesores de Cursos Internacionais seis etapas do tramo galego do Camiño Francés, partindo do Cebreiro. Levarán, deste xeito, á práctica os coñecementos teóricos adquiridos previamente na primeira semana e participarán en aulas itinerantes como as visitas aos Mosteiros de Samos, Vilar de Donas e Sobrado dos Monxes. Aloxaranse en albergues privados e hostais do Camiño, e contarán co apoio dun autobús para o traslado da equipaxe.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2011.