Ir o contido principal

A sexta edición do Seminario Permanente en Comunicación e Xénero presentará experiencias de introdución da perspectiva de xénero na linguaxe xornalística

Edicións anteriores do encontro
O encontro abordará experiencias de introdución da perspectiva de xénero na linguaxe xornalística (imaxe de arquivo)
A inscrición a esta xornada é de balde e pode formalizarse ata o 21 de marzo a través do formulario dispoñible na web do Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA)

‘Fendas no círculo da xiz’ é o lema da sexta edición do Seminario Permanente en Comunicación e Xénero CO(M)XÉNERO, encontro no que se presentarán experiencias de introdución da perspectiva de xénero na linguaxe xornalística, canda un obradoiro de intervención nos seus contidos. Coa fin de crebar o círculo de xiz, o seminario busca reflexionar sobre os xeitos de incorporar voces que non adoitan aparecer nos medios e introducir novos puntos de vista na información na que as mulleres son protagonistas.  A inscrición é de balde e pode formalizarse ata o 21 de marzo a través do formulario dispoñible na web do Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA).

A sexta edición de CO(M)XÉNERO desenvolverase os días 22, 23 e 31 de marzo na Facultade de Ciencias da Comunicación organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais co apoio da Oficina de Igualdade de Xénero da USC e de Xornalistas Galegas. Nesta ocasión, o equipo promotor das xornadas destaca que se centrará nas “posibilidades do xornalismo para transformar, dende prácticas conscientes, o discurso heteropatriarcal dos medios”.

Coordinado pola directora do GEA, a catedrática Margarita Ledo Andión, e en colaboración de novo coa Mostra Internacional Cinema Etnográfico (MICE) - Museo do Pobo Galego, o seminario está dirixido a estudantes de comunicación, investigadoras e investigadores en formación, profesionais e, en xeral, a todas as persoas interesadas en abordar os medios e as industrias culturais e creativas dende unha lectura crítica. A participación no CO(M)XÉNERO pode ser recoñecida como actividade formativa para o estudantado do Programa de Doutoramento en Comunicación e Información Contemporánea.

O programa inclúe conferencias, sesións de proxeccións e debate, así como obradoiros para propiciar un achegamento a outra forma de contar. En opinión do grupo organizador da xornada, “pór fin a unha  dinámica discriminatoria e excluínte pasa pola necesaria construción de audiencias e colectividades formadas no pensamento crítico, capaces de analizar, deconstruír e mesmo comezar a reverter as representacións e estruturas sexistas presentes nos medios”.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.03.2022.