Sexto concerto dos novos talentos musicais

As violinistas Elena Rodríguez Oubiña e Laura Morales Rejas e as pianistas Cristina Bernal Gómez e Aida Saco Beiroa serán este mércores 15 as protagonistas do sexto concerto do ciclo Novos Talentos Musicais que co organizan a USC e Compostela Sound. De entrada libre ata completar aforo, será ás 20.30 no Paraninfo da Universidade.
Elena Rodríguez
Comezará Elena Rodríguez, acompañada ao piano por Javier Vila, que interpretará pezas de Tchaikovsky, Saint-Saëns e Kreisler. Alumna do Cmus de Vilagarcía de Arousa e da EAEM de Santiago, Elena é concertino na Orquestra de Nenos da Sinfónica de Galicia. Gañou ademais o Premio Infantil David Russell no concurso de Premios Honoríficos 2014, o primeiro premio na categoría solistas da IV Mostra Musical do Eixo Atlántico e Mención especial no 5º Concurso Cidade de Vigo 2016.
Ao piano estará Javier Vila, un músico galardoado en numerosos certames e festivais internacionais que actúa con regularidade en ciclos e festivais dedicados á música española (‘ Música en Compostela’), de cámara (Fórum Nacional de Violonchelos e Ciclo Tríos de Beethoven USC) e contemporánea (estrea Suite impresionista de J. Eiras e Trío de E. Vila e reestrena Danza para piano de Vila e Trium de R. Groba). Actualmente é profesor de piano e coordinador do departamento de tecla no Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa.
Cristina Bernal
Bach, Tchaikovsky e Beethoven serán os compositores que soen da man de Cristina Bernal, unha pianista de dezaoito anos tamén moi galardoada en festivais galegos que ampliou a súa formación en cursos e festivais internacionais en España, Portugal e Holanda. Actualmente cursa o grao profesional no Conservatorio CAMP Liceo la Paz, na Coruña.
Laura Morales
Acompañada pola pianista Patricia Rejas, Laura Morales (Ponferrada, 2001) interpretará pezas de Bach, Wieniawski, Mozart e Sarasate. En 2012 ingresa na Orquestra Xove 430 de Vigo, actividade que compatibilizaba ata 2016 coa Orquestra do Conservatorio Profesional ‘Senior’ onde tocou de solista aos 12 anos interpretando o primeiro movemento do Concerto de Bach na menor e un movemento dun concerto grosso de Breiner o ano pasado. Aos 14 anos ingresou na Xoven Orquestra Sinfónica de Galicia e hoxe cursa sexto curso de grao profesional.
Patricia Rejas, título superior de Piano e de Música de Cámara, ingresou no Conservatorio Nationale de Règion de París (Francia) para perfeccionarse no estudo do fortepiano baixo a dirección de Patrick Cohen. Desde entón compaxina a interpretación do piano moderno coa do fortepiano, ademais de publicar diversos artigos e libros sobre organoloxía. É profesora no Conservatorio Superior de Vigo.
Aida Saco
O broche final do recital porao Aida Saco con Beethoven, Ravel e Liszt. Rematados os estudos profesionais de piano, na actualidade, e como paso previo ao ingreso no grao superior, é alumna da Escola de Música Berenguela con Alexander Gold. De xeito paralelo aos estudos de interpretación realiza composicións musicais para piano, algunhas das cales están a disposición do público en diversas plataformas dixitais.