Ir o contido principal

Sheila Castiñeira e Daniel Vilela gañan o III Concurso de TFG de Nutrición Humana e Procesos Químicos Industriais

De esquerda a dereita, Jorge Rivera, Ana Piñeiro, Daniel Vilala, Francisco Fraga e Uxía Rodríguez, na Facultade de Ciencias
De esquerda a dereita, Jorge Rivera, Ana Piñeiro, Daniel Vilala, Francisco Fraga e Uxía Rodríguez, na Facultade de Ciencias
Os galardoados, que poderán gozar dun contrato laboral durante seis meses na empresa Ingapan, recibiron como agasallo unha gratificación en metálico por parte do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, ademais da inscrición e cursos de formación do Colexio de Dietistas e Nutricionistas de Galicia
Lugo

Sheila Castiñeira López, graduada en Nutrición Humana e Dietética, e Daniel Vilela Torrón, titulado no grao de Enxeñaría en Procesos Químicos Industriais, veñen de proclamarse gañadores do III Concurso de TFG da Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC, un certame promovido polo centro universitario lugués en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, o Colexio de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Codinugal) e a empresa Ingapan, que reparte diversos premios en metálico e cursos de formación entre as propostas máis valoradas polo xurado, ao tempo que ofrece ás candidaturas gañadoras a posibilidade de gozar dun contrato de traballo durante un período de seis meses na empresa luguesa Ingapan.

O TFG desenvolvido por Daniel Vilela Torrón como colofón dos estudos do grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e que tamén recibiu un agasallo de 1.000 euros do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo leva por título ‘Deseño dun carrozado de camión para loxística de iogurt’. Asemade, Sheila Castiñeira López que aborda no seu TFG do grao de Nutrición Humana e Dietética a posibilidade do enriquecemento de alimentos no traballo ‘É posible a fortificación de produtos de pastelería e panadería con vitamina D?’, tamén recibiu como gratificacións tres cursos de formación impartidos por Codinugal, ademais da inscrición gratuíta.

O decano da Facultade de Ciencias da USC, Francisco Fraga, salientou na entrega de premios que o concurso de TFG da Facultade de Ciencias responde a unha iniciativa coa que o centro universitario pretende incentivar a orixinalidade e a innovación nos Traballos Fin de Grao do seu alumnado, ao tempo que constitúe unha pasarela de acceso ao mercado laboral grazas á colaboración da corporación Ingapan. O decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, Jorge Rivera, aproveitou esta sesión para poñer en valor a titulación de Enxeñaría en Procesos Químicos Industriais, así como para reiterar o apoio que ofrece o órgano colexiado aos enxeñeiros desta rama. A secretaria do Colexio Oficial de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Codinugal), Uxía Rodríguez Lavandeira, abundou nesta mesma idea no marco dun acto no que a directora de Recursos Humanos de Ingapan Corporación, Ana Piñeiro Neira, destacou a calidade das candidaturas presentadas e tamén cualificou de “moi satisfactoria” a incorporación de titulados da Facultade de Ciencias ao cadro de persoal da empresa.

Outros premios

A cerimonia de entrega de premios do III Concurso de TFG da Facultade de Ciencias serviu asemade de recoñecemento público do interese doutros proxectos de fin de carreira desenvolvidos ao longo do pasado curso 2020-2021. Daquela, o xurado encargado de valorar as candidaturas recibidas do grao de Enxeñaría en Procesos Químicos Industriais, distinguiu co segundo premio, dotado con 500 euros, o proxecto presentado por Lucía de la Torre Gómez baixo o título ‘Deseño do proceso e equipamento para a produción artesanal de labiais ecolóxicos para pacientes oncolóxicos’.

O TFG ‘Proxecto de deseño de proceso e equipos principais para a elaboración de cervexa artesanal ecolóxica’ , elaborado por Adriana López Núñez, mereceu o terceiro premio, que inclúe unha gratificación de 300 euros por parte do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo. Asemade, Cristina Abeijón Leis, Paula Candal Pardo, Isabel García Méndez, Enrique Touceda Rivas e Iria López López tamén recibiron cadanseu diploma acreditativo polos seus TFG, cuxa temática é variada e abrangue propostas que van desde unha planta de coxeneración con biomasa, produción de bebida de soia, deseño dun horto solar fotovoltaico, deseño dunha cámara de conxelación para liofilización de cenoria ata un proxecto de deseño dun equipo de climatización con desinfección do aire mediante luz UV-C.
 
As graduadas en Nutrición Humana e Dietética Claudia Pérez Armada e Mireya Castiñeiras Liñares e María López Montes acadaron o segundo e o terceiro premio, respectivamente, deste certame coas  candidaturas presentadas baixo os títulos ‘Elaboración de pratos saudables de quinta gama para consumo a domicilio’ e ‘O papel do DHA na saúde materno-infantil’. Estas dúas tituladas na Facultade de Ciencias da USC recibirán como agasallo de Codinugal cadansúa inscrición gratuíta, ademais do acceso de balde a dous e un curso de formación, respectivamente.

As outras tres graduadas en Nutrición Humana e Dietética na USC que tomaron parte neste certame: Nerea González Rodríguez, Adrea Páramos Torreira e Silvia Mariño Veiga, tamén recibiron cadanseu diploma acreditativo. A temática dos TFG presentados por estas tituladas no Campus de Lugo da USC trata os hábitos alimentarios das persoas traballadoras en xornada laboral, unha proposta de ‘batchcooking’ para universitarios ou os malos hábitos nutricionais na poboación infantil.

Titulados e docentes da USC, no acto de entrega dos premios do III Concurso de TFGs de Nutrición Humana e Dietética e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, na Facultade de Ciencias
Titulados e docentes da USC, no acto de entrega dos premios do III Concurso de TFGs de Nutrición Humana e Dietética e Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais, na Facultade de Ciencias
Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.01.2022.