Ir o contido principal

Un simposio abordará a representación da prostitución nos medios de comunicación

Programa do encontro
Programa do encontro
Mantén aberto ata o 30 de setembro o prazo de recepción de abstracts

A USC celebrará o simposio ‘Comunicación e xénero. Prostitución e prostitucións simbólicas’, unha xuntanza científica pioneira pola súa temática de análise. Esta é unha iniciativa que se organiza dende a Facultade de Ciencias da Comunicación no marco do proxecto de investigación Promediar (Prostitución e Medios de Comunicación. Análise e Recepción) que conta co financiamento do Instituto de la Mujer. O día 30 do próximo mes de setembro remata o prazo para o envío de abstracts. O encontro, que xa conta con inscricións de profesionais procedentes de Sudáfrica, Albania, Inglaterra, Arxentina ou Turquía e que dirixe o profesor Luís Álvarez Pousa, terá como tema central a representación da prostitución nos medios de comunicación. A partir deste enfoque están previstas varias mesas temáticas nas que terán cabida todas aquelas achegas que entren da liña de investigación relacionada coa comunicación e o xénero. Concretamente, haberá sete paneis nos que se atenderá a cuestións relacionadas con xénero, dereito e medios de comunicación; as representacións de xénero e/ou as representación da prostitución na prensa; xénero, inmigración e medios de comunicación; análise da recepción e dos procesos de produción mediática dende a perspectiva de xénero; a construción de xénero nos xéneros ficcionais; novas tecnoloxía e construción de xénero; e estudos feministas e de xénero, metodoloxías e paradigmas. As persoas interesadas poden acadar máis información na web do grupo Promediar.

Ligazóns relacionados:

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.08.2015.