Ir o contido principal

O simposio 'Avancemos con eles. O mundo da infancia a debate' inaugúrase este xoves en Santiago

Douscentos expertos analizarán os mellores métodos para evitar problemas como malos tratos, violencia nos colexios ou dificultades de aprendizaxe

Máis de douscentos profesionais de todo o mundo participarán entre este xoves 30 e o sábado, 2 de maio, no congreso internacional ‘Avancemos con eles. O mundo da infancia a debate’ que organiza a Unidade de Atención Temperá da USC. O encontro inaugurarase ás 12:00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca nun acto ao que, ademais do vicerreitor Miguel Vázquez Taín, asiste a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas.
Logo da apertura, será o catedrático de medicina xenómica da USC e director do Instituto de Medicina Legal, Ángel Carracedo, o encargado de pronunciar a conferencia inaugural na que analizará os retos da medicina xenómica no campo da infancia.
Premio AgadirA xornada matinal rematará coa entrega, ás 13:30 horas, do III Premio A.Ga.D.I.R. (Asociación Galega para a Docencia e a Investigación do Retraso Mental) ao Mérito da Docencia e Investigación no Campo do Retraso Mental a Manuel Iglesias Diz, catedrático de Obstetricia e Xinecoloxía da USC.
Este recoñecemento xa lle fora outorgado no seu día ao catedrático de Pediatría na Facultade de Medicina e ex xefe de Pediatría no CHUS, José Peña Guitián, e ao catedrático de Psiquiatría Infantil da Universidade de Sevilla, Jaime Rodríguez Sacristán.
Durante os tres días de congreso, os profesionais analizarán os mellores métodos para evitar problemas como malos tratos, episodios de violencia nos colexios ou dificultades de aprendizaxe asociados a algún tipo de trastorno, para o que se contará coa presenza, na tarde do xoves 30, da profesora da Pontifica Universidade Católica de Perú e presidenta da ONG REDESS Jóvenes, María M. Raguz Zavala.
Paliar problemasDaranse tamén a coñecer os mellores métodos de intervención para paliar problemas de aprendizaxe en menores con hiperactividade, autismo ou con enfermidades raras, coas intervencións do médico adxunto do Hospital Clínico de Santiago, Jesús Eirís, e o responsable do Instituto de Investigación en Enfermidades Raras, Manuel Posada.
Ademais, persoas que presentan algún tipo de discapacidade ou algún trastorno no seu desenvolvemento falarán en Santiago sobre as súas necesidades. Estas persoas participarán o venres nunha mesa redonda moderada pola doutora xefe da Unidade de Xenética do Hospital Central de Asturias, Ana Benavides, na que se debaterá sobre a protección dos máis vulnerables.
O Congreso, declarado de interese sanitario pola Xunta de Galicia, conta coa colaboración de entidades como Unicef, o Real Patronato de Prevención das discapacidades, o Observatorio Galego da Infancia, Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Fademga, Fundación Pedro Barrié de la Maza, Autismo Galicia, Fundación Renascer ou Arela.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.04.2009.