Ir o contido principal

O Simposio ILG profunda este ano na escrita en galego na Idade Moderna

O Simposio ILG profunda este ano na escrita en galego na Idade Moderna
O Simposio ILG profunda este ano na escrita en galego na Idade Moderna

Co título ‘ Calen barbas, falen cartas. A escrita en galego na Idade Moderna’, o simposio do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) convocará este ano entre o 20 e o 22 de novembro especialistas de diversas ramas do saber para abordaren a análise da produción escrita en lingua galega ao longo dos séculos XVI, XVII e XVIII.

Trataranse así polo miúdo cuestións como a contextualización histórica e sociolingüística dos textos, a reconstrución da súa xénese e transmisión, a súa edición, a descrición e análise da lingua empregada neles, e o deseño de ferramentas para a análise e explotación dos datos lingüísticos que conteñen.

No encontro, organizado en colaboración co Consello da Cultura Galega, presentarase ademais publicamente o proxecto Gondomar. Corpus dixital de textos galegos da Idade Moderna desenvolvido ao longo dos últimos anos no ILG, que servirá tamén para reflexionar sobre os desafíos que implica a construción de corpus especializados.

Entre os relatores e relatoras figuran os docentes e persoal investigador da USC Henrique Monteagudo, Pegerto Saavedra, Ramón Mariño, Ernesto González, Sandra Beis e Rosario Álvarez, ademais de especialistas das outras dúas universidades galegas, da Real Biblioteca ou das Universidades Autonoma de Barcelona, de Lisboa ou de Coimbra, entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.11.2017.