Ir o contido principal

Un simposio da USC analiza en Lugo a propiedade, a xestión e as perspectivas de futuro da auga como ben común

De esquerda a dereita, Javier Bueno, Sonsoles López Izquierdo, Pedro García Herradón, Mario Outeiro e Xan Neira, durante a inauguración do I Simposio sobre Agroecoloxía e Gobernanza da Auga
De esquerda a dereita, Javier Bueno, Sonsoles López Izquierdo, Pedro García Herradón, Mario Outeiro e Xan Neira, durante a inauguración do I Simposio sobre Agroecoloxía e Gobernanza da Auga
Os organizadores buscan converter este encontro nun espazo de reflexión sobre a importancia dun aproveitamento racional e eficiente dos recursos hídricos

A xornada inicial do primeiro simposio ‘ Agroecoloxía e gobernanza da agua’, organizado pola Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo e que se desenvolve na Casa do Saber da capital lucense, incluíu un acto de inauguración no que participaron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Pedro García Herradón; a deputada responsable da Área de Medio Ambiente e Enerxías Renovables da Deputación Provincial de Lugo, Sonsoles López Izquierdo; o delegado de Cultura e Turismo desta mesma institución, Mario Outeiro; o director da Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo, Javier Bueno; e Xan Neira Seijo, profesor da EPS e membro do comité organizador do simposio. Neira explicou os motivos da posta en marcha do encontro: “O obxectivo é servir de foro para a reflexión sobre o crecente proceso de privatización dos servizos públicos de abastecemento de auga, a análise dos modelos agrícolas e a súa influencia na disposición de cantidades e calidades da auga e servir, ao mesmo tempo, de foro para o debate en torno á xestión da auga e do territorio”. “Nos últimos anos asistimos a unha constante tendencia á privatización dos servizos da auga. Os mercados xa están xestionando a auga, e unha cantidade desa auga constitúe un dereito humano básico, polo que é preciso abrir un debate sobre este modelo, cheo de limitacións e máis atento ao beneficio económico que ao servizo á cidadanía”, explica Xan Neira Seijo, quen tamén incidiu na necesidade de incluír a agroecoloxía “á hora de establecer sistemas de xestión da gobernanza da auga, se queremos garantir a sostibilidade dun recurso que é cada vez máis escaso”. A primeira xornada do simposio comezou co relatorio ‘Estado ecolóxico das masas de auga e DMA’ , a cargo do investigador da USC Víctor Cuadrado, ao que seguiu o tamén investigador Juan Raposo cunha intervención en torno ás augas subterráneas e o abastecemento. O director da estación hidrobiolóxica ‘Encoro do con’ da USC, Fernando Cobo, presentou o seu relatorio ‘Dez mil ríos vs. dez mil problemas. Cambio climático e masas de auga’, mentres o profesor da Universidade Politécnica de Madrid Carlos Hernández falou sobre os retos da enxeñería de rega e a soberanía alimentaria. A programación completouse pola tarde cunha ruta en catamarán polo encoro de Belesar. Actividades do día 14 A segunda xornada ten como lema ‘Acceso equitativo aos servizos básicos’, e comezará cunha sesión de comunicacións por parte dos participantes. A partir das 11.00 horas desenvolverase unha mesa redonda sobre xestión da auga na que participan o enxeñeiro do Concello de Lugo Miguel Negral; o profesor da Universitat de València e director da Fundación Nueva Cultura del Auga, Francesc La Roca; e representantes de organismos de conca e asociacións, que achegarán a súa visión sobre a Lei de Augas de Galicia. Debido ao interese desta mesa redonda para o público en xeral, o acceso a esta parte do simposio será libre para todos os que desexen asistir. O simposio complétase cunha sesión de tarde con dous relatorios sobre prácticas medioambientais no uso da auga e exemplos europeos de normas medioambientais complementarias á certificación en agricultura ecolóxica, respectivamente. Finalmente, os asistentes ao curso desprazaranse á nova Estación de Tratamento da Auga Potable de Lugo para coñecer de primeira man as novas tecnoloxías empregadas no tratamento da auga. Ademais da USC, participan na organización destas xornadas a Sociedade Galega de Agrecoloxía (SOGA), a Sociedad Española de Agricultura Ecológica (SEAE), a Asociación Galega de Investigadores da Auga (AGAIA), o Centro de Estudios Rurales y de Agricultura Internacional (CERAI) e a Fundación Nueva Cultura del Auga (FNCA), así como o Concello e a Deputación de Lugo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.06.2012.