Ir o contido principal

A sinerxía entre ciencia e novas tecnoloxías mellora a percepción destas dúas disciplinas entre o estudantado preuniversitario

De esquerda a dereita, Marcos Arza, Mariluz Gil Docampo, Teresa Rego e Juan Ortiz, na EPS de Enxeñaría da USC. (Foto Cigeo)
De esquerda a dereita, Marcos Arza, Mariluz Gil Docampo, Teresa Rego e Juan Ortiz, na EPS de Enxeñaría da USC. (Foto Cigeo)
Un artigo do grupo Cigeo da EPS de Enxeñaría da USC en ‘IEEE Geosciencies and Remote Sensing Magazine’ proba que o campionato D3Mobile esperta un crecente interese entre os escolares polas...

O mercado laboral español demanda profesionais STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) formados nos ámbitos das xeo-tecnoloxías e o mundo do 3D, motivo polo que a EPS de Enxeñaría do campus de Lugo da USC inclúe estas disciplinas en todas as súas titulacións. As previsións apuntan que o tamaño do mercado do escaneado 3D medrará a razón dunha Taxa de Crecemento Anual Composto (CAGR) dun 15% entre 2017 e 2024, segundo un estudo de Global Market Insights, inc. Aínda así, o número de estudantes que inicia estudos superiores nestes ámbitos está lonxe de poder cubrir dita demanda, xa que faltan vocacións científicas e técnicas, unha conxuntura que pretende mudar o grupo de investigación de Enxeñaría Civil e Xeomática (Cigeo) da USC a través do proxecto D3MOBILE.

A D3MOBILE Metrology World League é un campionato científico que permite aos estudantes familiarizarse con conceptos de enxeñaría, estatística, metroloxía e xeomática, entre outros. Os participantes introdúcense no mundo do escaneado 3D mediante fotogrametría (a ciencia da medida mediante fotografías) utilizando como únicas ferramentas a cámara do seu teléfono móbil/tableta e software gratuíto. Mediante unha metodoloxía e-learning os alumnos aprenden a medir coordenadas do mundo real cos seus propios smartphones/tabletas. “Configurar correctamente os parámetros das cámaras ou manexar a iluminación da escena durante o fotografado son algúns dos retos que deben afrontar os participantes para obter bos resultados, investigando experimentalmente para mellorar a calidade de súas medicións” afirma Marcos Arza, membro do equipo organizador da D3 MOBILE.

O éxito deste proxecto STEM radica na facilidade de implantación na aula, ao tratarse dunha metodoloxía en liña que a fai compatible co traballo de clase en case calquera plan de estudos do mundo. “Cando iniciamos o proxecto en 2012, pensámolo como unha iniciativa dirixida principalmente a centros educativos españois” recoñece Juan Ortiz, profesor na EPSE e director do proxecto. A boa acollida no plano nacional, cunha participación de 126 institutos, motivou aos organizadores para lanzalo a nivel internacional no seguinte ano. Un total de 1476 estudantes de 44 países de todo o mundo participaron na edición 2017 da D3 MOBILE. Os gañadores da última edición, un equipo turco formado por dous alumnos liderados polo seu profesor, conseguiron alcanzar na proba de precisión erros medios inferiores á décima de milímetro.

A promoción de iniciativas científicas que combinan novas tecnoloxías contribúe a estimular a motivación do estudante á vez que infunde información específica sobre as titulacións de enxeñaría relacionadas. Os profesores de secundaria desenvolven un labor fundamental para motivar ao alumno para continuar estudos na universidade e a orientarse profesionalmente. “Non se trata de decidir por eles, pero non podemos permitir que os alumnos e alumnas fuxan das carreiras técnicas simplemente por descoñecemento, medo á súa ‘dificultade’ ou por verse incapaces de traballar en iso” afirma Teresa Rego, profesora de ensino secundario que forma parte do equipo. As enquisas expostas aos alumnos tras a súa participación na D3MOBILE deixan ver un especial interese entre os participantes por profesións relacionadas co desenvolvemento de contido en 3D. Os resultados obtidos tras as cinco primeiras edicións desta experiencia educativa internacional acaban de ser publicados pola IEEE Geosciencies and Remote Sensing Magazine, una das máis prestixiosas revistas estadounidenses de investigación (primeiro decil de impacto JCR) no ámbito das xeociencias.

A directora do grupo CIGEO, Mariluz Gil destaca “a importancia da promoción de actividades deste tipo entre estudantado preuniversitario” para dar visibilidade aos ámbitos científicos máis relacionados coa enxeñaría entre os mozos. As primeiras edicións deste proxecto contaron co soporte financeiro de diversas entidades públicas e privadas, que os autores incluíron no apartado de agradecementos do citado artigo internacional; todos eles contribuíron a que a D3 MOBILE sexa unha realidade hoxe: Instituto Xeográfico Nacional do Ministerio de Fomento; Centro Nacional de Metroloxía do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo; Fundación Española para a Ciencia y la Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Economía e Competitividade; Xunta de Galicia; Concello e Deputación Provincial de Lugo; Universia do Banco de Santander; Fundación Vodafone; BQ, Autodesk, Fundación Mulleres, PCE Ibérica, Fundación Barrié, Fundación Comforp, Confederación Española de Asociacións de Pais de Alumnos (CEAPA), Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF), Universidade Tecnolóxica Nacional (Arxentina) e EDUCACION 3.0.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2019.