Ir o contido principal

A Sociedade de Economía Mundial analiza na USC propostas para superar a crise global

A Sociedade de Economía Mundial (SEM) analiza estes días en Compostela ‘Camiños para superar a crise global’, lema baixo o que se está a desenvolver a duodécima reunión anual desta asociación científica fundada en 1999. O encontro celébrase este xoves 27 e o venres 28 na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais onde se inaugurou a xuntanza nun acto que contou coa intervención do catedrático e coordinador do congreso, Xavier Vence; o presidente da Sociedade de Economía Mundial e reitor da Complutense de Madrid, Carlos Berzosa; o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra; a decana da Facultade, Maite Cancelo, e o profesor Xosé Manuel Beiras.
Dende a celebración en 1999 da I Reunión de Economía Mundial na Universidade de Huelva, a SEM adquiriu unha dimensión internacional coa incorporación de socios de España, México, Brasil, Arxentina, Chile, Ecuador, Perú, Colombia, Portugal, Reino Unido, Suíza, Francia, Alemaña, Israel ou Marrocos, sendo hoxe socios máis de 250 profesores universitarios, investigadores, empresarios, consultores, asesores e funcionarios internacionais.
As Reunións desta Sociedade son un foro internacional, aberto a diferentes enfoques e opinións, no que se presentan e discuten investigacións que teñen por obxecto a análise da economía mundial. Agora, despois de once xuntanzas por toda España, a Sociedade de Economía Mundial trae a décimo segunda á Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, co profesor Xavier vence como presidente do comité organizador.
Nesta cita de Santiago participarán máis de cen investigadores da economía mundial de distintos países, na súa maioría membros da Sociedade de Economía Mundial. Aquí debaterán sobre os principais aspectos da economía mundial, aínda que facendo especial fincapé na problemática e posibles camiños de saída da actual crise global. Outros temas de traballo serán os retos e desafíos do transporte marítimo no contexto mundial e o crecemento económico e as desigualdades.
ProgramaDesenvolvemento, crise, medio ambiente, integración e comercio foron os temas das cinco sesións paralelas coas que comezou o encontro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. A conferencia inaugural, ‘Financiamento da economía e consecuencias da actual crise global’, correu a cargo do profesor da Universidade París-Nord François Chesnais.
A xornada da tarde ten o seu inicio nunha nova quenda de sesións paralelas, con intervencións agrupadas arredor de desenvolvemento, alternativa á crise, medio ambiente, desigualdades, finanzas e traballo e educación. Theotonio dos Santos, profesor da Universidade Federal Fluminense e coordinador da Cátedra e Rede UNESCO-UNU de Economía Global e Desenvolvemento Sustentable, pronuncia a partir das 17:30 horas a primeira conferencia plenaria do congreso, falando sobre ‘A crise global e as novas potencias emerxentes’. A primeira xornada rematará coa celebración da Asemblea xeral extraordinadira de SEM.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2010.