Ir o contido principal

A Sociedade Española de Ciencias e Técnicas Historiográficas desenvolve na USC, por primeira vez en Galicia, o seu congreso anual

A Sociedade Española de Ciencias e Técnicas Historiográficas desenvolve na USC, por primeira vez en Galicia, o seu congreso anual
A Sociedade Española de Ciencias e Técnicas Historiográficas desenvolve na USC, por primeira vez en Galicia, o seu congreso anual

Cun centenar de inscritos chegados de diversas partes do mundo, o Paraninfo da Universidade acolle este luns e o martes as XIII Xornadas da Sociedade Española de Ciencias e Técnicas Historiográficas, o congreso anual da Sociedade que por primeira vez ten lugar en Galicia e que nesta ocasión leva por lema ‘Escritura e sociedade: a nobreza’. O encontro científico inaugurouno o reitor nun acto no que participaron a profesora de Ciencias e Técnicas Historiográficas da USC, Ana Suárez González; o presidente da Sociedade, Javier de Santiago Fernández; a directora do Departamento de Historia I, Mar Llinares García; e o decano da facultade anfitrioa, Juan Manuel Monterroso Montero. Comezou o reitor manifestando a súa satisfacción por que o patrimonio bibliográfico da USC acompañase estas xornadas desde o seu inicio. Referíase a que as letras E e D presentes no cartaz –abreviatura do título ‘Escritura e sociedade’– difundisen “unha pequenísima parte dunha xoia da nosa biblioteca: o manuscrito 609 ou libro de Horas de Fernando I y Sancha, un libro de case mil anos”. Viaño loou tamén a utilidade das tarefas que desenvolven os especialistas nesta materia “non só para o avance da investigación en Humanidades senón tamén para o desenvolvemento e a reconstrución do devir histórico doutras ciencias que, como a Matemática, contan con longa tradición escrita en todo tipo de soportes”. O congreso estrutúrase en cinco relatorios a cargo de especialistas de universidades e centros documentais de España e numerosas sesións de comunicacións nas que se exporán máis de 30 traballos de investigación. Coordinadas pola profesora da USC Ana Suárez González e co apoio de INCIPIT, as xornadas son actividade formativa dos programas de doutoramento da USC ‘Historia, Xeografía e Historia da Arte’, ‘Estudos Medievais’ e ‘Estudos da Literatura e da Cultura’.

A Sociedade Española de Ciencias e Técnicas Historiográficas agrupa docentes universitarios españois e profesionais relacionados directamente coa conservación e custodia das fontes históricas hispánicas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2015.