A Sociedade Española de Emblemática celebra na USC o seu décimo primeiro congreso
A Facultade de Xeografía e historia é toda esta semana a sede do XI congreso da Sociedade Española de Emblemática (SEE), que nesta ocasión profundará nas múltiples relacións que se poden establecer entre os textos e imaxes simbólicas con sociedades e momentos culturais particulares. En efecto, os organizadores parten de que imaxes e textos son unha excelente testemuña dos cambios sufridos no seno dunha sociedade determinada.
A inauguración do encontro tivo lugar este mércores no Paraninfo da Universidade nun acto presidido polo reitor Juan Viaño e no que tamén interviñeron o presidente do congreso, o profesor da USC Juan Monterroso; o presidente da SEE, Rafael García Mahíques; e o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Francisco R. Durán Villa.
O congreso estrutúrase en catro eixos, sobre os que versarán as comunicacións ata a fin de semana. O denominado ‘Ao servizo dos reis’ contará con comunicacións nas que a imaxe e o texto foran utilizadas cunha finalidade política, tomando a figura do rei como resumo de todos os estamentos vinculados co poder civil; mentres que no panel ‘ Ao servicio dos deuses’ será o carácter sacro do texto ou a imaxe o que determine a súa vinculación cos diferentes usos que deles se puidese facer no ámbito relixioso. En ‘Ao servizo das artes e as letras’ o predominante será a dimensión cultural, tanto literaria como artística ou histórica, e finalmente haberá outro bloque con proxectos, recursos dixitais ou aplicacións de recente creación que resultan de interese para o estudo da emblemática.