Ir o contido principal

A Sociedade Española de Odontoloxía Veterinaria escolle a facultade lucense para o primeiro congreso celebrado fóra de Madrid

A cuarta edición do seu congreso nacional reúne a 350 persoas entre especialistas e alumnos

Unhas 350 persoas participan esta fin de semana en Lugo na cuarta edición do Congreso da SEOVE (Sociedade Española de Odontoloxía Veterinaria), que se celebra na facultade lucense.
Esta é a primeira vez que o congreso se celebra fóra de Madrid e Lugo foi o lugar escollido para esta reunión anual, na que participan estudantes e profesionais.
O congreso dará comezo ás 9:30 horas do sábado, aínda que a inauguración oficial terá lugar ás 11:30 coa presencia do vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Carlos Herrero; o alcalde, José López Orozco; a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez López, e a decana da Facultade de Veterinaria, Ana María Bravo Moral.
O programa contempla unha serie de relatorios por parte de especialistas de todas as facultades do territorio nacional, destacando tamén a presenza de ingleses e portugueses. Ademais, haberá preto de 50 comunicacións orais e de póster entre as que figuran tamén casos clínicos e investigación.
O comité organizador do congreso está presidido polo profesor de Cirurxía da Facultade de Veterinaria de Lugo Antonio González Cantalapiedra, que tamén figura no comité científico deste evento, no que están integrados 16 especialistas cirúrxicos veterinarios.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.11.2007.