Á sociedade española preocúpalle o cambio climático
En xeral, a sociedade española móstrase “certamente” preocupada polas variacións do clima e as consecuencias que poidan ter na súa vida cotiá. Así llo manifestaron 1.200 cidadáns aos investigadores do Grupo de Investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA) da USC que realizaron o estudo demoscópico ‘A sociedade ante o cambio climático’ para a Fundación Mapfre.
A preocupación polo cambio climático aumentou nos últimos anos ata converterse nunha inquedanza moi relevante, tanto que a opinión pública española identifica que o estado do medio ambiente é o cuarto problema máis importante do planeta, por tras da pobreza, a fame e a guerra. Mais paralelos a esa preocupación, puntualiza o profesor da USC e director do estudo Pablo Meira Cartea, identifícanse elementos que dificultan que as persoas comprendan “a magnitude do desafío” que supón o cambio climático na transformación dos seus hábitos e estilos de vida.
Preocupa a longo prazoPorque aínda que a maioría dos enquisados consideran que as súas accións inflúen nas alteracións do clima, máis da metade pensa que o cambio climático terá efectos máis graves a longo prazo, unha crenza que asumen, especialmente, os máis novos e os titulados universitarios. Paralelamente, percíbese como unha ameaza menos relevante no entorno máis próximo, concedéndolle maior transcendencia no contexto global que no nacional ou local.
Este “desapego persoal” ante o cambio climático pode constituír un factor desmobilizador nos esforzos de loita contra el. En consecuencia “faise necesario” ampliar a súa visibilización como un “problema significativo para a vida presente e cotiá e a súa relación con outras problemáticas (económicas, sociais e ambientais) que xeran as súas causas ou reflicten as súas consecuencias”.
Importancia do factor socialAs conclusións do estudo, novidoso polo que engade ao coñecemento da percepción social do cambio climático, poñen de manifesto a importancia do “factor social” na configuración da opinión pública española e da resposta que emite ante a crise ambiental. Os datos contrastan a incidencia de variables sociais como a zona de residencia, o xénero, a idade e o nivel de estudos nas crenzas da poboación, e os coñecementos dos que dispón para interpretar o fenómeno.
Políticas de resposta mellorablesÁ vista dos resultados, os investigadores perciben eivas nas políticas de resposta ao cambio climático convidando aos poderes públicos a que reconsideren a “relevancia” das distintas fontes que empregan para informar destas cuestións “e como se orientan as súas actitudes e comportamentos de aforro enerxético e acción ambiental”.
“Para deseñar políticas de resposta máis efectivas hai que considerar as relacións que se establecen entre a cultura científica e a cultura común. Non basta con ofrecer información científica, senón que é necesario situala dentro das lóxicas que orientan á xente”, advirten os autores.
Presentación en MadridA investigación presentouse esta semana en Madrid, no Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino, no transcurso dunha xornada inaugurada pola secretaria de Estado de Cambio Climático, Teresa Ribera, e o presidente do Instituto de Saúde, Prevención e Medio Ambiente da Fundación MAPFRE, e na que interveu o profesor Pablo Meira.
Logo de expor os resultados da investigación tivo lugar unha mesa de traballo na que se contrastaron as aplicacións derivadas da análise da percepción social do cambio climático e na que participaron técnicos do Centro Nacional de Educación Ambiental, das Consellerías de Medio Ambiente de Andalucía e Valencia e da Universidade de Valladolid.
Tanto a Fundación como os investigadores da USC pretenden outorgarlle ao estudo un carácter bianual para monitorizar así as tendencias que se produzan na sociedade española con respecto ao cambio climático.