A Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais celebra o seu 50 aniversario na Facultade de Ciencias
A Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais (SGPRL) celebrou este martes o seu 50 aniversario na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, onde se desenvolveu a xornada ‘O futuro da seguridade e a saúde no traballo escríbese hoxe’, un foro no marco do que distintos relatores intercambiaron opinións e coñecementos arredor da creación de escenarios laborais seguros e saudables.
O programa da xornada abordou cuestións relativas ao impacto da transformación dixital nas contornas laborais de Galicia, así como respecto aos desafíos e oportunidades da intelixencia artificial e a automatización. As últimas innovacións tecnolóxicas no ámbito da prevención de riscos laborais e a identificación de estratexias e solucións proactivas para moldear o futuro do traballo constitúen outras das cuestións que se tratarán no marco desta xornada.
Logo das distintas actividades divulgativas e de debate organizadas no marco destas xornadas, nas que ademais do equipo directivo e demais membros da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais, presidida por Carlos Montes, tamén participaron preto de medio centenar de asistentes, a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, Elena Rivo López, clausurou o programa cun acto no que tamén intervirá o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, Francisco Fraga e o propio Carlos Montes.