A sociedade suma valor

A campaña de mircromecenado da USC Sumo Valor que inclúe entre as súas liñas de actuación unha específica para facer fronte á loita contra a COVID-19, logrou captar dende a súa posta en marcha, a fins de 2019, case 100.000 euros procedentes de 270 doadores. O reitor Antonio López deu conta este venres dos resultados desta iniciativa que constitúe “un vínculo da Universidade coa sociedade” e que conta co apoio do Consello Social da USC.
Dende o comezo da pandemia, sinalou Antonio López, “a USC tivo claro que tiña que poñer o mellor do seu capital, o coñecemento, ao servizo da sociedade”. Baixo esta premisa, malia que o programa de micromecenado contempla o financiamento de diversas accións como poden ser actividades culturais ou deportivas, entre outras; máis de 65.000 dos 100.000 euros recadados destínanse ao financiamento da investigación. Neste senso, o vicerreitor de Tecnoloxías, Planificación e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa, destacou que malia que a maioría dos doantes proceden de Galicia, un 30% veñen de fóra da Comunidade Autónoma e un 5% mesmo proceden doutros países como Estados Unidos e Holanda.
Programa de embaixadores
Pola súa parte, a presidenta do Consello Social, Cecilia Sierra, quixo subliñar como “nun momento insólito na historia recente”, o órgano que ela preside “promove a participación da sociedade no financiamento da USC”. O acto celebrado no propio Consello Social serviu para dar a coñecer o Programa de Embaixadores, en virtude do cal a través de personalidades destacadas nos seus respectivos eidos profesionais sociedade galega preténdese dar pulo á difusión de Sumo Valor. A primeira embaixadora deste programa será a actriz galega María Mera.
Proxectos financiados
Os fondos captados a través de 'Sumo Valor' están a servir como fonte de financiamento para dous proxectos desenvolvidos co Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica (CiQUS). Por unha banda, o profesor Javier Montenegro é o investigador principal dun proxecto que prepara vectores peptídicos para o transporte de ARN mensaxeiro de potencial aplicación en vacinas; pola outra, o grupo que dirixe o profesor José Martínez Costas traballa dende abril no desenvolvemento dunha vacina fronte á COVID-19 en base a unha nova metodoloxía, desenvolta no propio centro e patentada pola USC, que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo.
O catedrático de Electromagnetismo da USC, Jorge Mira, é o investigador principal do proxecto 'Predico' sobre modelos de predición dinámica sobre escenarios de afectación por COVID-19 a curto e medio prazo. O obxectivo deste proxecto tamén financiado pola campaña de micromecenado da USC, é o de predicir a evolución da expansión e incidencia da enfermidade. A cartografía de risco coordinada polo profesor Ángel Miramontes permite, pola súa parte, coñecer onde se localizan os principais focos de contaxio pola COVID-19, con que factores territoriais están relacionados e cales son os espazos de actuación chave para frear a súa propagación. 'Sumo valor' toma tamén parte na elaboración deste mapa actualizable que realiza un diagnóstico sobre o comportamento espacial do contaxio.
Finalmente, desenvolver e avaliar en estudos preclínicos unha nova vacina baseada en ARNm contra o SARS-CoV2 capaz de inducir respostas inmunitarias de longa duración fronte ao virus é o fin último do proxecto de investigación no que traballa o laboratorio que lidera a catedrática da USC e investigadora no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), María José Alonso, e que tamén recibe fondos procedentes de 'Sumo Valor'. O obxectivo é producir un vehículo sintético baseado en biomateriais inocuos e capaz de transportar o ARNm ao interior das células dianas, de modo que logre a produción do antíxeno no organismo humano.
Microdoazóns
Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 a través de microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa.
