Sonia Esperanza Rodríguez Boente, nova Delegada do Reitor para a Igualdade
A delegación do reitor para a Igualdade ten nova responsable, Sonia Esperanza Rodríguez Boente, que releva no cargo a Marta Pérez Pereiro, quen ocupou o cargo nos dous últimos anos e busca, logo desta etapa, centrarse na súa carreira académica.
O perfil da nova Delegada
Sonia Esperanza Rodríguez Boente é profesora titular da Área de Filosofía do Dereito. Dende ese ámbito ten traballado no eido da Igualdade en dous sentidos. Por unha banda, sobre a interpretación e aplicación do Dereito na perspectiva igualitaria. Por outra banda, no estudo dos dereitos fundamentais e liberdades públicas producindo achegas en materia de igualdade e de atención ás vítimas de violencia de xénero. Foi investigadora principal dun proxecto financiado pola USC e desenvolvido no ano 2023 que deu como froito a elaboración dun Protocolo de atención ás vítimas de violencias sexuais no ámbito da institución universitaria. Tamén ten dirixido traballos de investigación relacionados coa Igualdade, como a tese recentemente defendida por Carla Romero Álvarez titulada O xénero no dereito: concepto, xustificación e aplicacións.
A folla de ruta da Delegación para a Igualdade
A nova Delegada centra na aprobación dun novo Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes da USC e no traballo para a elaboración dun novo Protocolo de prevención e actuación fronte ao acoso sexual por razón de sexo, orientación sexual e identidade de xénero, os retos a curto prazo, sen perder de vista o necesario avance no labor de concienciación de todos os membros da comunidade universitaria en materia de Igualdade.
Rodríguez Boente quixo destacar “o rumbo tan atinado que marcou Marta Pérez para a delegación pola Igualdade da USC, así como o inxente traballo realizado dende a Oficina de Igualdade de Xénero” nos últimos dous anos, que servirán, en palabras da nova Delegada “como punto de apoio para encarar os retos que a USC ten por diante en materia de Igualdade”.
Agradecemento do reitor a Marta Pérez
Antonio López destacou a capacidade que tivo a xa ex Delegada para crear vínculos entre os diferentes colectivos da comunidade en prol da Igualdade, para dar a coñecer a Oficina de Igualdade e o seu labor, así como para poñer en marcha accións relativas á loita contra o acoso e reforzar redes de investigación feministas, necesarias para o impulso das políticas en materia de Igualdade.
O reitor agradeceulle á Delegada saínte, Marta Pérez, o seu intenso traballo por multiplicar a implicación de toda a comunidade universitaria no traballo pola Igualdade e desexoulle a mellor das sortes na nova etapa que comeza centrada na súa carreira académica.