Ir o contido principal

‘Sons creativos’ levará a música improvisada ao Mihl, que acollerá unha mostra de arte sonora e pedagoxía en Lugo

Pedro García Herradón, Carmen Basadre, Antonio Veiga, e Inmaculada Cárdenas, na presentación de 'Sons creativos'
Pedro García Herradón, Carmen Basadre, Antonio Veiga, e Inmaculada Cárdenas, na presentación de 'Sons creativos'
A quinta edición desta plataforma de intercambio cultural servirá para presentar as obras realizadas polo GCSUS e por outros artistas e investigadores convidados

O Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago de Compostela (GCSUS), dirixido pola compositora e catedrática da Área de Música da USC, Inmaculada Cárdenas, presentou este martes a quinta edición do programa ‘Sons creativos’, unha plataforma de intercambio cultural e de creación que se desenvolverá o vindeiro 11 de maio nas instalacións do Museo Interactivo da Historia de Lugo, onde tamén se abrirá ese mesmo día a mostra ’25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’, unha iniciativa pioneira en Galicia e tamén en España, dixo Cárdenas

‘Música improvisada’ é o título da quinta edición do programa ‘Sons creativos’, unha iniciativa promovida e organizada polo GCSUS ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que nesta ocasión pretende servir de plataforma de presentación das obras realizadas polo Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), así como por outros artistas convidados, músicos e investigadores doutras universidades. A catedrática da Área de Música da Universidade de Santiago de Compostela e directora do Grupo de Creación Sonora da USC, Inmaculada Cárdenas, adiantou este martes as distintas actividades programadas nesta nova edición de ‘Sons creativos’, no transcurso dun acto no que tamén participaron o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón; a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre, e o vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga. Programa O programa da quinta edición de ‘Sons creativos’, que se celebrará o vindeiro 11 de maio no Museo Interactivo da Historia de Lugo (Mihl), comezará ás 10.30 horas coa celebración dunha mesa redonda sobre música improvisada, na que intervirán como relatores o investigador da USC Javier Garbayo, a pedagoga especializada en Pedagoxía de Creación Musical da Universidade de Valladolid, Pilar Cabeza, e o artista plástico Jesús Otero Yglesias. Unha vez rematada esta primeira sesión, procederase á inauguración da mostra ’25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’. A quenda de mañá desta quinta edición do programa ‘Sons creativos’ rematará cunha mesa redonda, que se desenvolverá, a partir das 12.30 horas, baixo o título ‘Antecedentes da arte sonora en Lugo 1987-1993: O concerto de campás Sacra Lucus e Revisando Espacio Permeable’. Nesta sesión, na que participarán Juan Gil López e Jesús Otero Yglesias, tamén se abordará o ‘Concierto de esculturas sonoras’, de 1992. Os membros do Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago Mónica Álvarez, Arturo Vaquero e Efraím Díaz, así como director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera, intervirán como relatores, a partir das 16.30 horas, nunha mesa redonda na que se falará sobre o GCSUS como unha aposta pola improvisación. Ao remate da sesión, todos os asistentes poderán participar nunha visita guiada pola mostra. O concerto ‘Construír/deconstruír os sons’ servirá de colofón, a partir das 20.00 horas, desta quinta edición do programa ‘Sons creativos’. Esta nova peza artística, tamén obra do GCSUS, contará coa participación dos artistas convidados nesta edición. ’25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’ Alén da celebración da xornada programada para o vindeiro 11 de maio, os organizadores desta quinta edicións de ‘Sons creativos’ teñen a intención de transformar o Museo Interactivo da Historia de Lugo (Mihl) nun espazo para a arte sonora, a través das distintas instalacións que conforman a exposición ‘25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’, un mostra que permanecerá aberta ata o 16 de xuño. Esta exposición permitirá achegar a todo o público interesado obras compostas polo Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), entre as que se atopan obras electroacústicas e propostas audiovisuais, ademais de incluír dous dos antecedentes de arte sonora desenvolvidos en Lugo co apoio da Universidade de Santiago, tales como son o ‘Concierto de esculturas sonoras’, do grupo lucense Espacio Permeable, e o concerto de campás Sacra Lucus, de Llorenç Barber.

As obras incluidas na mostra ‘25 anos de arte sonora e pedagoxía en Lugo’ estarán presentadas en forma de instalacións sonoras ou audiovisuais, acompañadas sempre de información que permita ao espectador comprender o traballo desenvolvido polo Grupo de Creación Sonora da USC ao longo da súa traxectoria. Nesta relación cómpre citar ‘Música&Arquitectura’, do 2001; a opera ‘Serea e contador de contos’, de 2002; Grupo de creación musical en concerto, de 2007; Música e entorno, de 2009, e Música, espazos e cidade’, presentado o pasado ano 2012 e no se compilan os resultados dos traballos das tres primeiras edicións de ‘Sons creativos’. Esta mostra, na que se farán cinco visitas guiadas polos membros do propio GCSUS durante o tempo que permanezca aberta ao público, dará tamén a coñecer as obras dos artistas convidados ás pasadas edicións deste programa.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.04.2013.