‘Sons Creativos’ ofrece do 2 ao 5 de maio na Casa do Saber un ecléctico programa de sesións de electroacústica e arte sonora

A undécima edición do programa ‘Sons Creativos’, unha plataforma para a difusión e creación sonora, ofrecerá desde este xoves 2 de maio ata ao domingo, no auditorio da Casa do Saber do Campus Terra da USC un ecléctico repertorio de concertos, audicións, obradoiros de electroacústica e arte sonora e unha intervención sonora final con membros do Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS) e outros artistas convidados.
A nova edición de ‘Sons Creativos’, un programa organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e impulsado desde os seus comezos polo Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS), está dirixida este ano por Inmaculada Cárdenas e Xoán Xil López. Este programa constitúe unha decidida aposta por difundir e achegar ao público dúas formas de creación sonora pouco habituais, tales como son a electroacústica e a arte sonora. Un dos obxectivos desta edición é o de impulsar o diálogo entre propostas da escena local e internacional e a colaboración con outras institucións (universidades, fundacións, etc.) que dedican un importante esforzo ao apoio da creación sonora contemporánea.
Os Sons Creativos contarán nesta edición coa presenza de artistas e compositores da talla de Atilio Doreste, David Stevens, Mateo Mena, Ramón Souto, Simon Desorgher ou Susan Drone. Ademais, os membros do GCSUS Inmaculada Cárdenas, Efraím Díaz e Mónica Álvarez tamén aproveitarán a celebración desta plataforma Sonora como escenario para a presentación dalgúns dos seus últimos traballos.
Alén deste elenco de creadores, cómpre salientar a colaboración recibida da Asociación de Música Electroacústica de España (Amee) para a celebración dos Sons Creativos 2019, unha implicación que se fai visible a través dunha dobre convocatoria de concertos e tamén da Universidade Politécnica de Valencia, que é referente na creación e na educación arredor da arte sonora. Daquela, Miguel Molina preparou para a ocasión unha escolma de traballos individuais e colectivos que amosan a amplitude dos postulados cos que se pode enfocar este ámbito artístico.
Programa
O programa dos 11 Sons Creativos botará a andar este xoves, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber, cun primeiro bloque de creacións sonoras producidas na Universidade Politécnica de Valencia, unha sesión á que seguirá un directo con composicións de Inmaculada Cárdenas e Buzz.
Efraím Díaz, Simon Desorgher e David Stevens darán continuidade o venres, a partir das 20.00 horas, aos Sons Creativos cunha sesión ao vivo durante a que presentarán as súas respectivas composicións. O programa do sábado 4 de maio continuará, a partir das 20.30 horas, cun novo compendio de creacións sonoras da Universidade Politécnica de Valencia. Ao seu remate, Mónica Álvarez e Susan Drone presentarán ao vivo as súas creacións ao público presente.
Unha intervención en directo de Atilio Doreste, que estará acompañado doutros artistas e creadores de arte sonora, pechará o domingo os 11 Sons Creativos, no marco dunha sesión que arrancará coa terceira e última audición de obras creadas na Universidade Politécnica de Valencia. A entrada para participar nas distintas actividades programadas ao abeiro desta nova edición de Sons Creativos, unha proposta artellada tamén ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento de USC, Concello e Deputación de Lugo, é libre e de balde ata completar o aforo.