e-SoundWay, unha ferramenta interactiva para mellorar a pronuncia do inglés a través da Ruta Xacobea
 
            A Facultade de Filoloxía acolleu este venres a presentación dunha innovadora ferramenta dixital para a ensinanza e aprendizaxe da fonética e da pronunciación do inglés a través da experiencia do Camiño de Santiago. Ao longo de 34 etapas con retos e pequenos xogos, e-SoundWay permite profundar en lugares, datos históricos, lendas do Camiño ou peregrinos e peregrinas de distintas épocas que contribúen a que a persoa usuaria se familiarice con diversos acentos do inglés.
A iniciativa Los sonidos del inglés en el Camino de Santiago (e-SoundWay). Un juego serio para aprender la pronunciación inglesa que se deu a coñecer este venres na USC inclúe un manual de uso trilingüe, un laboratorio multimedia en liña e un código QR con acceso gratuíto a dúas versións do xogo: The Route e FreeRoaming.
O proxecto no que participa a profesora da USC María de los Ángeles Gómez González nace arredor da Ruta Xacobea, concibido “como un espazo simbólico e cultural que combina tradición e innovación”. Neste marco, e-SoundWay procura poñer en valor o patrimonio inmaterial do Camiño, achegando o ensino da pronunciación do inglés a través de escenarios inspirados no Camiño Francés.
A iniciativa diríxese principalmente a estudantes españois de inglés como lingua estranxeira, desde o ensino secundario ata o universitario, “pero resulta igualmente útil para calquera persoa interesada en mellorar a súa pronunciación de maneira lúdica e interactiva”, explica a profesora Gómez González.
Dimensión cultural
Ademais do acompañamento de Patience, a guía do Camiño, a aplicación incorpora a participación de peregrinos e especialistas contemporáneos de prestixio —como Antón Pombo, Laurie Dennett, Kate Long, Rebekah Scott ou Noel Braun— xunto coa inclusión de figuras históricas e lendarias vencelladas á tradición xacobea, entre elas John Rutherford, George Borrow, Annette Meaking, Margery Kempe, Andrew Boorde, James Francis Edward Stewart, San Godric de Finchale, Walter Starkie ou o anónimo de Purchas, cuxas voces e textos cobran vida na experiencia. Esta combinación permite que as persoas xogadoras, ademais de perfeccionar a súa pronunciación e ampliar o seu coñecemento da fonética inglesa, se mergulle tamén na dimensión cultural do Camiño: descobre lendas, accede a datos históricos e percorre enclaves xeográficos significativos da Ruta Xacobea, todo iso da man dos avatares e acompañado de imaxes orixinais tomadas nos lugares reais. Estes e outros aspectos desenvólvense con detalle no manual de e-SoundWay.
Ademais de propor retos de percepción e comprensión de sons —tanto de forma illada como en palabras clave e en secuencias faladas—, así como actividades de pronunciación, transcrición e escritura, a ferramenta incorpora as principais variedades do inglés internacional (británica, americana e certas particularidades doutras variantes). Por outra banda, fundaméntase nunha metodoloxía que centra a atención nas principais dificultades fonéticas das persoas falantes de español, ao tempo que establece paralelismos e contrastes con outras linguas da península ibérica. Deste xeito, e-SoundWay ofrece modelos de pronunciación diversos e realistas, o que contribúe a ampliar a competencia intercultural e a mellorar a intelixibilidade en contextos globais.
Esta iniciativa é froito de dous proxectos de investigación —TED2021-130283B-C21/C22 (Next Generation) e PID2019-105678RB-C21 (Fondos FEDER)— financiados pola Agencia Estatal de Investigación, e desenvolvido polas Universidades de Santiago e Vigo, en colaboración con institucións e entidades como University College London (Speech, Hearing & Phonetic Sciences), Luar Na Lubre, Resonet, ARASAAC (Centro Aragonés para la Comunicación Aumentativa y Alternativa) ou Fresh Caricatures, entre outras. e-SoundWay recibiu ademais o Premio de Innovación Docente 2025 da Facultade de Filoloxía da USC e unha excelente acollida do estudantado.
“Estamos convencidos de que a combinación de investigación, tradición cultural e recursos dixitais converte a e-SoundWay nunha proposta única no ámbito do ensino do inglés”, explican dende o equipo impulsor da iniciativa integrado, a demais de pola profesora María de los Ángeles Gómez González, por Alfonso Lago Ferreiro da UVigo, Milagros Torrado Cendón da UNIR e José María Díaz Lage da UNED. 
 
