Os soutos de castiñeiros en Galicia centra este mes en Lugo o ciclo de relatorios dedicados á memoria do doutor Luis Asorey

Os soutos de castiñeiros en Galicia centra a temática da nova edición do ciclo de conferencias promovido pola Real Academia Galega de Ciencias en memoria do doutor Luis Asorey García, un programa formativo e de divulgación científica que se desenvolverá do 14 ao 23 de novembro no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo.
O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC na Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC e académico numerario, Antonio Rigueiro Rodríguez, abrirá o 14 de novembro a quenda de relatorios programados cunha intervención na que viaxará polos castiñeiros senlleiros de Galicia. As técnicas de multiplicación dos castiñeiros para soutos mansos, as variedades ou cultivares de castiñeiro en Galicia, a creación de soutos mansos e os seus tratamentos culturais e silvícolas, a flora e vexetación dos soutos, os cogomelos e as prestacións dos soutos como hábitats para vertebrados, o estado sanitario dos soutos e a problemática do sector da comercialización e industrialización da castaña, constitúen o elenco de temas que abordarán os distintos investigadores e especialistas convidados a participar como relatores neste ciclo. As sete sesións programadas no marco desta nova edición do ciclo de conferencias en memoria do doutor Luis Asorey García desenvolveranse en quenda de tarde no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo. As persoas interesadas en participar como asistentes nas sesións deste ciclo poden formalizar a súa inscrición ata o 8 de novembro no sede do organismo provincial lugués. Os estudantes da USC inscritos e que xustifiquen a súa asistencias ás sesións programadas recibirán un diploma acreditativo.