A spin-off da USC 3edata desenvolve un proxecto para valorizar o sistema tradicional de cabalos bravos no monte en Sabucedo

A empresa de base tecnolóxica 3edata, unha spin-off xurdida no Campus Terra da USC, desenvolve en colaboración coa Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, a Universidade da Coruña (UDC) e o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (Ciam) nun proxecto de innovación orientado a poñer en valor en mellorar a xestión dos cabalos bravos do monte en Sabucedo.
O proxecto, que acadou financiación na última convocatoria de axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), co financiadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e cuxas medidas poderían ser exportables a outras poboacións galegas de cabalos bravos, ten unha duración inicial de dous anos e vertébrase en accións de carácter tecnolóxico e de divulgación. As primeiras buscan facilitar o manexo, minimizar problemas e adquirir coñecemento práctico sobre o uso dos cabalos como ferramenta de xestión forestal. As segundas están orientadas a mellorar a visión que a sociedade ten desta actividade.
A proposta inicial xurdiu a iniciativa da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, que constituíu o pasado mes de xuño un grupo operativo de innovación cunha axuda da Xunta de Galicia para a creación de grupos operativos de innovación da Asociación Europea de Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícola e forestal. O propósito inicial deste proxecto era conformar un grupo operativo destinado a identificar e analizar os diversos problemas aos que se enfronta a poboación de cabalos bravos nos montes de Galicia e o seu manexo tradicional, ademais de definir un proxecto innovador centrado na solución dos problemas identificados.
Este grupo operativo aglutina unha serie de entidades públicas e privadas, con interese na continuidade das poboacións de cabalos bravos no monte e do seu manexo tradicional. Están incluídas tres asociacións de besteiros (ou propietarios de bestas, que é como se denominan popularmente estes équidos): Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo (A Estrada), que lidera o grupo; a Asociación de Gandeiros de Cabalos do Monte da Groba (Baiona); e o Monte de Carballo (Friol). Por outra banda inclúe organismos investigadores de diferentes áreas de estudo relacionados co cabalo: Universidade da Coruña, Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, do INGACAL, e Centro Tecnolóxico da Carne.
Tamén forman parte deste grupo de traballo entidades que desenvolven actividades de promoción e asesoramento a produtores de equino (Puraga), entidades relacionadas coa conservación da natureza (Asociación Galega de Custodia do Territorio), e entidades con experiencia na vertente cultural e antropolóxica destes cabalos e os curros ou rapas (Instituto de Estudos Miñoráns), ademais da empresa 3edata Enxeñaría Ambiental, un spin-off universitaria xurdida en Lugo no Campus Terra da USC.
Accións previstas no proxecto
As accións previstas polos promotores deste proxecto de posta en valor e mellora da xestión dos cabalos bravos de monte son diversas. De feito, para o desenvolvemento do proxecto empregaranse solucións innovadoras no manexo dos animais e o seu entorno, como a marcaxe dos cabalos con GPS, o uso de drones para a localización dos animais nas zonas máis remotas e inaccesibles, así como peches que eviten accidentes de tráfico, ademais doutras medidas para a posta en valor dos cabalos bravos.
Os obxectivos que pretenden estas actuacións tamén son amplos e entre eles figura o evitar os conflitos entre besteiros e propietarios forestais ou diminuír o risco de incendios empregando os cabalos para a redución de biomasa. Os resultados deste programa innovador repercutirán directamente sobre a poboación de cabalos de Sabucedo, pero serán de gran interese para besteiros en todas as zonas de Galicia en que se atopan estas poboacións de cabalos bravos. Estas novas medidas poderán ser exportadas para logo ser implementadas noutras zonas, colaborando deste xeito no mantemento dun elemento singular galego, de gran valor ecolóxico e cultural, como é o caso das poboacións de cabalo bravo de monte.