Ir o contido principal

A nova spin-off da USC FlowReserve permitirá evitar métodos invasivos no diagnóstico das cardiopatías isquémicas

Este sistema ofrece un diagnóstico detallado en 24 horas que lle permite ao cardiólogo dispor da información sen ter que levar a cabo o procedemento que agora mesmo se utiliza. FOTO: Santi Alvite
Este sistema ofrece un diagnóstico detallado en 24 horas que lle permite ao cardiólogo dispor da información sen ter que levar a cabo o procedemento que agora mesmo se utiliza. FOTO: Santi Alvite
A solución que está a desenvolver esta empresa permite que o equipo médico coñeza o grado preciso de oclusión das arterias coronarias a través do cálculo de fluxo interno sobre a reconstrución das imaxes do TAC
Santiago de Compostela

FlowReserve, a nova spin-off da USC e da Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, acaba de ver a luz para ofrecer solucións de medicina personalizada en cardioloxía ao proporcionar indicadores de diagnóstico cardiolóxico por métodos non invasivos obtidos mediante reconstrución de imaxes do TAC e aplicación de modelos de dinámica de fluxo. Os socios e o equipo promotor da empresa proceden do Grupo de Investigación de Física Non Lineal da USC, con Alberto e Vicente Pérez Muñuzuri á cabeza; e do Departamento de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, liderado polo tamén profesor da USC, José Ramón González Juanatey. A directora xeral será María Seoane.

A solución que está a desenvolver esta spin-off permite que o equipo médico coñeza o grado preciso de oclusión das arterias coronarias, obtido a través do cálculo de fluxo interno sobre a reconstrución das imaxes do TAC dos pacientes con cardiopatía isquémica. O 1% da poboación total poderíase beneficiar desta proba diagnóstica non invasiva.

Este sistema ofrece un diagnóstico detallado en 24 horas que lle permite ao cardiólogo dispor da información sen ter que levar a cabo o procedemento que agora mesmo se utiliza e que consiste na introdución dun catéter e guía de presión ata o corazón. Con esta nova tecnoloxía evitaríanse procedementos diagnósticos e terapéuticos innecesarios, así como complicacións relacionadas. Esta solución permite unha mellor planificación do tratamento, mellora da calidade de vida do doente, redución do tempo de recuperación e da súa presenza no hospital, así como un notable aforro nos custos do tratamento.

Os socios e o equipo promotor da empresa proceden do Grupo de Investigación de Física Non Lineal da USC, con Alberto e Vicente Pérez Muñuzuri á cabeza; e do Departamento de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, liderado polo tamén profesor da USC, José Ramón González Juanatey. A directora xeral será María Seoane
Os socios e o equipo promotor da empresa proceden do Grupo de Investigación de Física Non Lineal da USC, con Alberto e Vicente Pérez Muñuzuri á cabeza; e do Departamento de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, liderado polo tamén profesor da USC, José Ramón González Juanatey. A directora xeral será María Seoane

“Agora mesmo xa se está a probar no Hospital Clínico, con resultados prometedores, e realizaranse máis probas noutros hospitais, tanto do Sergas como internacionais”, apuntan dende o equipo que conforma esta nova spin-off. Os plans da empresa son ampliar o estudo clínico, expandir a solución a outros hospitais, colaborar en proxectos de cardioloxía a nivel europeo e incorporar variables preditivas.

BioIncubaTech

FlowReserve é un dos proxectos acollidos en BioIncubaTech, a primeira bioincubadora de Galicia e a única en España especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario. Conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación e aceleración, para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia. O proxecto, que conta coa colaboración de Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago, está financiado pola Fundación Incyde na súa convocatoria 2018 de “Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da Innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes” (Fondos FEDER), e cofinanciado pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.12.2020.