Ir o contido principal

A spin-off da USC Latento achega atención e asesoramento a persoas con altas capacidades

De esquerda a dereita: Xosé Antón Freire, conselleiro delegado de Unixest; as promotoras do equipo Paula Mouzo, Miriam Fernández, Noelia Villaverde; e o persoal da AVTE Lydia Fernández e Alberto...
De esquerda a dereita: Xosé Antón Freire, conselleiro delegado de Unixest; as promotoras do equipo Paula Mouzo, Miriam Fernández, Noelia Villaverde; e o persoal da AVTE Lydia Fernández e Alberto...

A spin-off da USC Latento, nacida da Unidade de Atención a Altas Capacidades da Facultade de Psicoloxía, ten experimentado nos seus primeiros meses de vida unha importante evolución coa apertura de dúas oficinas en Santiago e A Coruña integradas por seis traballadoras, cinco delas psicólogas. Creada o pasado setembro, en novembro abriu a súa primeira oficina en Santiago de Compostela e en marzo a segunda na Coruña. “Xa levabamos moito tempo no equipo de Altas Capacidades da USC, así que cando decidimos montar a empresa asesorámonos na Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, que nos prestaron apoio en todas as cuestións operativas para o inicio da actividade. A materia prima xa a tiñamos, pero precisabamos as ferramentas, e eles déronnolas”, explica Miriam Fernández, unha das socias da empresa.

Latento ofrece atención integral e personalizada a persoas con altas capacidades. O principal servizo que achegan é a identificación, tanto a partir dos 4 anos como para adultos, aínda que tamén ofrecen servizos de orientación, intervención e acompañamento, ademais de formación en colexios e obradoiros de enriquecemento. “ Prestamos moita atención ao eido socioemocional, que nos preocupa moito”, afirma Miriam Fernández, quen defende que o seu plan a curto e medio prazo é “seguir aumentando servizos, dar máis apoio ás familias e preparar os moitos proxectos que temos en mente de cara ao ano que vén”.

Equipo multidisciplinar
O equipo que conforma a spin-off ten un marcado carácter multidisciplinar e máis de dez anos de experiencia no sector educativo. O servizo ofrecido busca ser un acompañamento ao longo do ciclo vital e en cada etapa do proceso educativo, contemplando as altas capacidades como un feito diferencial en evolución e perfilado, non só dende a dimensión cognitiva senón tamén desde a dimensión socioemocional e motivacional.

Para todo isto Latento leva adiante valoracións psicoeducativas en nenos, en ado-lescentes e adultos; intervencións individuais e en grupo; orientacións a familias, asociacións e centros educativos; formación a profesorado e outros colectivos re-lacionados coa educación; obradoiros de enriquecemento e actividades puntuais relacionadas coas demandas socio-educativas de cada momento.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.05.2019.