Ir o contido principal

A spin-off da USC TasteLab organiza unha xornada de análise sensorial no CIFP de Compostela

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A sesión desenvolverase este venres en quenda de mañá, de 9.00 a 14.00 horas

A empresa de tecnoloxía sensorial TasteLab, unha spin-off da USC, celebrará este venres 25 de novembro unha xornada de análise sensorial nas instalacións do CIFP Compostela. A sesión, que conta co apoio da Xunta de Galicia, a través das consellería de Medio Rural e do Mar, desenvolverase en quenda de mañá, de 9.00 a 14.00 horas.

A xornada pretende reflexionar sobre la importancia da análise sensorial no control de calidade e no posicionamento de produtos no mercado e contará como relatores coas profesoras e investigadoras da USC na Facultade de Ciencias do Campus Terra Ángeles Romero e Lourdes Vázquez Odériz, así como coa Ceo de TasteLab, Maruxa García. O obxectivo desta sesión, dirixida a responsables dos selos de calidade, así como a profesionais da industria alimentaria, pasa por divulgar e afondar no coñecemento das técnicas de análise sensorial para mellorar o control da calidade con catadores experimentados e mellorar o posicionamento do produto con consumidores. Estruturado en tres bloques temáticos: Introdución á análise sensorial e importancia do seu uso; aplicación das análises para o control da calidade e da eficacia do panel, e posicionamento de produtos mediante estudio con consumidores, a sesión inclúe tamén un obradoiro de cata no que se aplicará un software propio para a recollida de datos e visualización dos mesmos en tempo real. As persoas interesadas en participar nesta xornada de análise sensorial poderán formalizar de balde a súa inscrición a través do enderezo de correo electrónico info [at] tastelab.es (info[at]tastelab[dot]es).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.11.2016.