Spin Way, merecedora dos Premios Camiño de Santiago que se entregaron hoxe

O programa Spin Way de fomento da actitude emprendedora entre estudantes de Iberoamérica foi distinguido o pasado mes cun dos Premios Camiño de Santiago 2017 que concede Turismo de Galicia. O galardón foi entregado esta mañá no Hotel Monumento San Francisco nunha cerimonia na que participaron o adxunto ao Reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento da USC, Manel Cotos, e o director xeral de RedEmprendia, o profesor Senén Barro.
Con estes premios a Xunta de Galicia pretende recoñecer o traballo no eido xacobeo desenvolvido por institucións públicas, asociacións, empresas, universidades, colexios e investigadores.
Spin Way é un programa internacional que combina a tradición do Camiño de Santiago co talento, axudando a novos emprendedores universitarios a poñer en marcha as súas empresas a través dunha vivencia única que pon a proba a resistencia, coñecemento e capacidade de cooperación dos/as participantes.
Trátase dunha iniciativa aberta a estudantes de último ano de grao, doutoramento, posgrao ou graduado recente dalgunha universidade iberoamericana que teñan un modelo de negocio que destaque polo seu elevado grao de innovación e potencial de crecemento, forte orientación ao mercado e alto impacto social, ambiental e económico nas comunidades onde se desenvolve.
A edición de 2017 impulsouna a USC en colaboración con RedEmprendia, o Organismo Internacional de la Juventud para Iberoamérica (OIJ), o Instituto de Juventud (INJUVE) e o Xacobeo.