O ‘Sprint de innovación’ da EDIUS aspira a “crear unha rede de empresas colaboradoras” para fomentar a transferencia dos resultados de investigación

A primeira edición do ‘Sprint de innovación’ impulsado pola Escola de Doutoramento Internacional da USC (EDIUS), botou o peche logo de catro xornadas, durante os meses de maio e xuño. En total, 24 estudantes de doutoramento involucráronse na resolución dun reto empresarial real, proposto por empresas ou administracións da súa contorna, contribuíndo así a impulsar a innovación, fomentar a transferencia de coñecemento e reforzar os vínculos da USC coa comunidade local.
O obxectivo é “crear unha rede de empresas colaboradoras” para conseguir mellorar a transferencia de coñecemento da Universidade cara ás empresas, tal e como explicou Noelia Rodríguez, experta en asesoramento a entidades empresariais e educativas nas áreas de innovación estratéxica, deseño de negocio e emprendemento, ademais dunha das coordinadoras deste Sprint.
Isabel Neira, coordinadora de Formación da EDIUS, mostra a súa satisfacción polo éxito acadado nesta experiencia pioneira da Escola de Doutoramento, encadrada dentro da programación da EDIUS Conecta e que conta coa colaboración da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da universidade compostelá. Neira explica que “esta experiencia de achegar ás empresas o potencial dos doutores e doutoras da USC é unha aposta que terá continuidade no futuro”. A idea, engade, é ampliar tanto o número de prazas para alumnado como de empresas que queiran colaborar.
Tras o remate da actividade, Noelia Rodríguez destacou a “moi boa” resposta conseguida tanto por parte das empresas como do alumnado, superándose amplamente as expectativas tamén a nivel da repercusión. A idea é que esta iniciativa teña continuidade no tempo, intentando que se poida repetir cada ano. Noelia Rodríguez sinala que moitas das persoas participantes mostráronse dispostas a facer de “embaixadoras” para animar a outros compañeiros e compañeiras a participar en vindeiras edicións. Nesta primeira edición, as empresas que colaboraron foron o Grupo Malasa, do sector do retail, hoteleiro, restauración e vivendas privadas; e Tecalis, de innovación tecnolóxica.
