Os subsectores agrogandeiros serán os protagonistas da XV edición do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural
A Universidade de Santiago e o grupo empresarial Aresa puxeron en marcha este luns a XV edición do Premio de Desenvolvemento Rural coa presentación das bases e a apertura do prazo de presentación de candidaturas. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, e o presidente de Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras, destacaron neste acto as novidades que presentan as novas bases do galardón e que pasan, entre outras, por ampliar a posibilidade de presentación de candidaturas ás iniciativas empresariais en fase de proxecto.
Os subsectores agrogandeiros, tanto os tradicionais como aqueles que teñen actualmente potencial de desenvolvemento, serán os protagonistas desta décimo quinta edición. De feito, o xurado deste ano valorará novamente nos candidatos a viabilidade económica, a creación de emprego e a posta en valor dos produtos da terra. Pero ademais teranse en conta aqueles proxectos que supoñan a recuperación de subsectores agrícolas e gandeiros tradicionais que teñen potencial, do mesmo xeito que supoñan innovación de produtos, métodos produtivos, etc. A segunda novidade desta edición será que tamén poderán optar ao premio aquelas iniciativas empresariais que aínda están en fase de proxecto, xa que ata de agora aceptábanse unicamente proxectos xa iniciados ou asentados. Tamén poderán optar ao premio, como en anos anteriores, aqueles traballos de I+D+i que sexan orixinais e que teñan aplicación práctica para o desenvolvemento rural. O Premio Aresa manterá deste xeito o seu obxectivo orixinario que segue a ser atopar un proxecto representativo que mellore a calidade de vida e o benestar das persoas que viven e traballan no medio rural galego. O presidente de Aresa fixo referencia a este cambio nas bases explicando que “nesta ocasión queremos dar un paso máis no proceso de modernización das nosas bases facendo fincapé nos subsectores agrarios e gandeiros, porque teñen moito que ofrecer na actualidade polo traballo que se está a realizar en materia de innovación e desenvolvemento”. Pola súa banda, o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno, salientou a importancia que ten o Premio Aresa de Desenvolvemento Rural para a USC, ao tempo que reiterou o seu agradecemento aos promotores. Bueno Lema tamén destacou que “o Premio Aresa é un bo exemplo do que debe e pode ser a colaboración entre a Universidade e o tecido empresarial”. Nesta XV edición do Premio Aresa as candidaturas faranse públicas novamente (a non ser que o candidato exprese o desexo contrario) co obxectivo de dar a coñecer aos medios de comunicación os proxectos que hai en marcha en Galicia para que poidan conseguir o respaldo de empresas ou institucións. As redes sociais utilizaranse para este labor, xa que na súa páxina de Facebook (https://www.facebook.com/Premio.Aresa) poderán consultarse os proxectos que se vaian presentando, así como as distintas particularidades do Premio. As bases desta edición do certame poden consultarse na páxina web www.premioaresa.com. O prazo de presentación de candidaturas ao XV Premio Aresa de Desenvolvemento Rural comeza hoxe e rematará o 31 de outubro, mentres que a selección da candidatura gañadora realizarase no mes de decembro, como ven sendo habitual, antes do Nadal. O ámbito de actuación ábrese a toda Galicia e durante estes días invitarase a participar no Premio Aresa mediante carta a todas as empresas e institucións vinculadas co emprendemento e a investigación no sector agrogandeiro galego. A contía do premio segue a ser de 10.000 euros, o que converte a esta convocatoria nunha das máis relevantes do sector. Este ano, ademais, ofrecerase a posibilidade á empresa gañadora de solicitar asesoramento e axuda para o desenvolvemento do proxecto. Un ano máis, Álvaro Rodríguez Eiras, animou a todos a participar neste Premio para dar relevancia á actividade investigadora e empresarial vinculada ao eido rural, “que segue a ser un piar fundamental para a economía galega”. Premiados nas edicións anteriores Na traxectoria deste galardón, creado en 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores foron a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro Labranza’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010) e a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’ (2011). Recibiron tamén este galardón o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003); os impulsores da queixería Casa Macán (2007); e empresas como a industria cárnica Nova Novafrigsa (2000), Ingapán (2009), Champivil (2012) ou Alibós, que foi a gañadora da última edición.