Suspéndese a sesión do Claustro Universitario prevista para este mércores
A reunión do Claustro da Universidade de Santiago prevista para este mércores 19 suspendeuse ao pouco de comezar logo de que un grupo de estudantes e de persoal de administración e servizos irrompesen na sesión, en protesta polos recortes na educación pública, impedindo así o seu normal desenvolvemento. A Mesa do Claustro acordou reunirse proximamente para fixar unha data para continuar a sesión. O estudantado mostraba o seu rexeitamento ás reformas educativas mentres que o PAS demandaba “ canles efectivas de negociación” coa Xerencia da Universidade para a aplicación do Real Decreto de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade e da Lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2012. O reitor mostrou o seu agradecemento aos membros do Claustro que asistiron á reunión e que “ soportaron o atropello e insultos que, para a institución e para eles e elas como representantes nese órgano de goberno, supuxo un comportamento fóra de todas as normas de respecto ao sistema democrático practicado por un grupo de persoas que, en absoluto, representan o sentir da comunidade universitaria”. O Claustro reuníase este mércores para debater as Liñas Xerais dos Orzamentos para 2013 e da Programación Plurianual para os vindeiros dous anos, ademais de coñecer o informe de seguimento da planificación estratéxica 2011-2020 correspondente ao presente ano e ratificar a proposta do Consello de Goberno de tres novos nomeamentos honoris causa da USC.