Talabarte Trío actúa o xoves no ciclo Lubicán do Convenio de Lugo Cultural

O Convenio Lugo Cultural continuará este xoves 28 de febreiro co segundo dos concertos do ano do ciclo Lubicán, cos que se pretende achegar ao público lucense a música feita por grupos galegos de diferentes estilos e con diferentes formacións. Nesta ocasión será a vez do grupo Talabarte Trío, que actuará na Escola de Formación do Profesorado, ás 21:00 horas.
Dende o mes de xaneiro o ciclo desenvólvese todos os cuartos xoves de mes ata maio e entre outubro e decembro, con representantes de estilos tan diversos como folk, rock, pop, jazz, canción protesta e cantautores.
Talabarte Trío ofrece un novo concepto de formación en Galicia, estrictamente acústico e baseado na música tradicional. Neste proxecto únense o violín de Quim Farinha, o acordeón diatónico de Pedro Pascual e o contrabaixo de Kin García. O seu estilo destaca pola combinación da música popular coas súas propias composicións utilizando o jazz, o tango ou a tradición musical europea.
Varias formacións se presentarán ante o público lugués no que resta de ano como El Pararrayos, que actuará en marzo e Úlo-Ttrío no mes de maio. O 24 de abril o Lubicán acollerá a presentación do novo traballo de Narf Touben coa banda ao completo.
Despois do verán, está prevista a actuación da formación de acústica Mala Herba, no mes de outubro, Grex en novembro e remata o ciclo, en decembro, Alba Noctua, que une aos músicos Paloma Suanzes e Miguel Mosquera.
Todos os concertos celebraranse na Escola de Formación do Profesorado, agás os de abril e maio, que serán no Auditorio da Facultade de Veterinaria.
Máis información sobre a programación cultural do convenio pode atoparse na web www.lugocultural.es.