Ir o contido principal

Talent’s Loop, dous días de simulación de busca de emprego en Económicas

Para participar na iniciativa é necesario inscribirse previamente

O novo paradigma laboral conformado nos últimos anos precisa de novas estratexias para aumentar as posibilidades de éxito na busca de emprego, e precisamente por iso este xoves 16 e o venres a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e a Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora desenvolverán o Talent´s Loop, unha novidosa proposta formativa vertebrada en torno ás habilidades brandas dos demandantes e a actitude de busca. Gratuíta e dirixida ao alumnado de calquera das titulacións da USC aínda que fundamentalmente dos últimos anos de grao e máster, para participar é necesario inscribirse previamente. Nesa mellora das competencias profesionais de cara á busca de emprego de xeito exitoso, o estudante vai poder participar nunha simulación personalizada de busca de emprego e así incrementar as súas habilidades nun proceso crucial para entrar no mercado laboral. En seis pasos, cada participante realizará un percorrido de menos de hora e media con feedback personalizado que rematará cun simulacro de networking o 17 de abril ás 20:00 horas. Este laboratorio funcionará os dous días de 9:00 a 20:00 horas. Entre as accións que contempla o programa figura ademais un ‘videocall’ no que de maneira voluntaria cada participante pode deixar gravada unha mensaxe atractiva acerca das súas capacidades e competencias e das expectativas laborais coas que se presenta ao Talent’s Loop. Este espazo preséntase como unha oportunidade máis de pór en práctica os coñecementos adquiridos na xornada. Programa formativo A maiores, Talet´s Lopp incorpora un programa formativo con charlas de especialistas e mesas redondas deseñado para afondar no desenvolvemento das competencias transversais necesarias para levar con éxito a busca de emprego, con temáticas que van desde a marca persoal ata as habilidades comunicativas. Este xoves pola tarde intervirán Modesto Gómez, de Enxeño Galicia, e Chus Prol, de DoutroXeito Coworking, para rematar cun panel de experiencias de ex estudantes da Facultade compostelá. Xa o venres pola mañá participarán Belén Varela, de RH Positivo, e Santiago Martínez, de Eloqüencia, nunha xornada que finalizará cunha mesa redonda sobre as demandas reais das empresas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.04.2015.