Ir o contido principal

O Talent’s Loop de Económicas posibilitará realizar unha simulación personalizada de busca de emprego

O Talent’s Loop de Económicas posibilitará realizar unha simulación personalizada de busca de emprego
O Talent’s Loop de Económicas posibilitará realizar unha simulación personalizada de busca de emprego
Para participar na iniciativa a desenvolver a vindeira semana é necesario inscribirse previamente

O novo paradigma laboral conformado nos últimos anos precisa de novas estratexias para aumentar as posibilidades de éxito na busca de emprego, e precisamente por iso os vindeiros 16 e 17 de abril a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e a Cátedra Bancaja Mocidade Emprendedora desenvolverán o Talent´s Loop, unha novidosa proposta formativa vertebrada en torno ás habilidades brandas dos demandantes e a actitude de busca. Gratuíta e dirixida ao alumnado de calquera das titulacións da USC aínda que fundamentalmente dos últimos anos de grao e máster, para participar é necesario inscribirse previamente. Nesa mellora das competencias profesionais de cara á busca de emprego de xeito exitoso, o estudante vai poder participar nunha simulación personalizada de busca de emprego e así incrementar as súas habilidades nun proceso crucial para entrar no mercado laboral. En seis pasos, cada participante realizará un percorrido de menos de hora e media con feedback personalizado que rematará cun simulacro de networking o 17 de abril ás 20:00 horas. Este laboratorio funcionará os dous días de 9:00 a 20:00 horas. Programa formativo A maiores, Talet´s Lopp incorpora un programa formativo con charlas de especialistas e mesas redondas deseñado para afondar no desenvolvemento das competencias transversais necesarias para levar con éxito a busca de emprego, con temáticas que van desde a marca persoal ata as habilidades comunicativas. Estas sesións están estruturadas en dous días, podendo inscribirse en todas elas ou nunha das dúas xornadas. O día 16 intervirán Modesto Gómez, de Enxeño Galicia, e Chus Prol, de DoutroXeito Coworking, para rematar cun panel de experiencias de ex estudantes da Facultade compostelá. Xa o venres participarán Belén Varela, de RH Positivo, e Santiago Martínez, de Eloqüencia, nunha xornada que finalizará cunha mesa redonda sobre as demandas reais das empresas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.04.2015.