Un taller presentará á comunidade universitaria a xestión da produción científica en acceso aberto a través do repositorio Minerva
A USC súmase ao longo destes días á sétima edición da Semana Internacional de Acceso Aberto que, entre outros cometidos busca promover entre o persoal investigador e as institucións o valor da difusión aberta da produción científica. Así, a Vicerreitoría de Investigación e Innovación, coa colaboración da Biblioteca Universitaria, organizará este venres 24 un taller de presentación do repositorio institucional Minerva (http://minerva.usc.es) no que tamén se aludirá ás prestacións que oferta para xestionar o proceso de Open Access da produción científica dos investigadores da universidade compostelá. O obradoiro, co lema ‘Xestión da produción científica en Open Access’, desenvolverase a partir das 10.00 horas na Aula 5 da Facultade de Bioloxía, estando dispoñible igualmente para o Campus de Lugo (edificio CACTUS) a través de videoconferencia. Intervirán a bibliotecaria e coordinadora do repositorio Minerva, Nieves Rodríguez; a directora da Biblioteca Universitaria da USC, Isabel Casal Reyes; e a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey. O repositorio Minerva reúne nun único punto en acceso aberto a produción científica da USC, dando entrada ás coleccións bibliográficas dixitalizadas e á produción investigadora e docente dos membros da institución docente compostelá. A súa implantación supuxo, con respecto ao recursos previos, unha transición a un sistema de autoarquivo que pon o acento no/a usuario/a , xa que o persoal rexistrado pode subir ao repositorio a súa produción científica e darlle máis visibilidade. Esta é unha iniciativa que promove o acceso libre e gratuíto á literatura científica e académica como medio para mellorar o sistema de comunicación científica e o acceso ao coñecemento.
O desenvolvemento de Minerva dá un salto cualitativo na integración da produción científica da USC, facilita a difusión de resultados de investigación, incrementa o impacto e a visibilidade das publicacións e traballos científicos, garante a preservación e conservación a longo prazo da produción intelectual universitaria, incentiva o uso da produción científica propia e ofrece servizos de valor engadido a través do emprego de estándares internacionais. Inicialmente organizouse en cinco grandes comunidade: Biblioteca Universitaria, I+D+i, Docencia e innovación educativa, Institucional e Arquivo Histórico Universitario, que á súa vez se organizarán en subcomunidades temáticas que agrupan os seus contidos en coleccións.