TasteLab reafirma no terceiro aniversario a súa aposta pola “felicidade” do consumidor como clave para o éxito empresarial
A spin off xurdida no campus de Lugo da USC TasteLab reafirma no seu terceiro aniversario a súa estratexia por favorecer a satisfacción do consumidor como clave para o éxito de empresas e industrias, tal e como sinalou este venres a CEO da primeira empresa española de tecnoloxía de análise sensorial, Maruxa García, para quen “o principal obxectivo de TasteLab é a felicidade das persoas”.
Maruxa García realizou estas declaracións no marco do acto conmemorativo da celebración do terceiro aniversario da creación desta empresa de base tecnolóxica, da que é co fundadora xunto coas profesoras da área de Tecnoloxía de Alimentos da USC Ángeles Romero e Lourdes Vázquez, na inauguración da nova sede da empresa no polígono de Augas Férreas da capital luguesa.
Este concorrido acto de celebración, no que, entre outros docentes e investigadores da USC, tamén participaron a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e a adxunta para investigación á citada vicerreitoría, Elvira López Mosquera, así como a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, serviu de marco para a presentación ao público da tecnoloxía desenvolvida por TasteLab para coñecer as tendencias de consumo e os gustos do consumidor.
García, xunto con outros traballadores de TasteLab, unha empresa en plena fase de expansión e internacionalización que xa conta con sedes operativas en Madrid e Miami, detallou as prestacións do software coñecido como Sensibit e que vén de ser galardoado na última convocatoria do Premio Pascual Start Up.
Sensibit, explicou a CEO de TasteLab, é unha nova tecnoloxía que analiza e compara produtos para coñecer as tendencias nos gustos dos consumidores. A pretensión coa que desenvolvemos esta nova tecnoloxía non é o outro que o de analizar e transmitir a empresas e industrias esta información sobre tendencias de gustos antes de que procedan ao lanzamento de novos produtos ou servizos, a fin de corrixir ou mellorar o que xa está no mercado e responder ás expectativas dos potenciais clientes.
Esta nova aplicación resulta de especial relevancia para a actividade dunha empresa como TasteLab, cuxo cometido pasa por ofrecer á industria as claves para crear produtos exitosos entre os consumidores finais. A necesidade de coñecer de antemán as preferencias dos potenciais demandantes está máis que xustificada polo feito de que o 80% dos produtos que se lanzan ao mercado, fracasan, unha realidade que se pretender reverter a través dunha tecnoloxía creada para que os produtos gusten, deparen satisfacción ou felicidade no consumidor poidan volver a ser comprados, relatou Maruxa García.