Ir o contido principal

Teatro universitario, un berce de talento e arte

Dúas das actrices que interveñen en 'Eréndida e Aríndere', nunha representación
Dúas das actrices que interveñen en 'Eréndida e Aríndere', nunha representación
A compañía de teatro USC-Lugo, unha formación afeccionada que dirixe Andrea González, accede á fase final do certame Xuventude Crea 2023 na modalidade de teatro coa obra ‘Eréndida e Aríndere’
Lugo

A compañía de teatro USC-Lugo, un formación artística dirixida desde hai dous anos por Andrea González, accedeu á fase final do certame Xuventude Crea 2023 na modalidade de teatro coa obra ‘Eréndida e Aríndere’, “unha dramaturxia en trenza de dúas historias, a de dúas mulleres e o venta da súa desgraza”.

A obra, estreada na pasada edición do Festival Universitario de Teatro da USC, eleva ao escenario unha evolución “da trata á pornografía, do realismo máxico ao realismo cru nunha sociedade inestable”, segundo indica Andrea González, quen ademais da dirección artística e escénica, tamén é responsable da creación desta peza a partir da adaptación de diversos textos.

A coordinadora da Aula de Teatro USC-Lugo, que é graduada en Artes Visuais e danza especializada en teatro físico, atribúe a boa acollida que de sempre tivo entre o público a obra ‘Eréndida e Aríndere’ ao bo facer das tres actrices noveis que na actualidade forman o elenco da compañía de teatro USC-Lugo, Stephanie Cubides (Eréndida), Anna Aycoberry (Aríndere e Ulises) e Andrea Maseda (avoa).

Estas tres actrices veñen de representar ‘Eréndida e Aríndere’ no Salón Teatro de Compostela, o escenario sobre o que as seis compañías teatrais finalistas da última edición do certame Xuventude Crea, interpretaron as súas respectivas creacións artísticas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.11.2023.