Ir o contido principal

A técnica de Transferencia de Tecnoloxía da AVTE- USC Susana Torrente, primeira axente de Patentes Europeas de Galicia

Susana Torrente no seu despacho
Susana Torrente no seu despacho
Pasa así a formar parte do grupo de 269 profesionais recoñecidos en España
Santiago de Compostela

Susana Torrente Vilasánchez, técnica superior de Transferencia de Tecnoloxía da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, AVTE, acaba de obter a capacitación como Axente de Patentes Europeas (European Patent Attorney), tras aprobar o último dos catro exames que compoñen o European Qualifying Examination (EQE).

Con esta certificación, Susana Torrente convértese na primeira profesional residente en Galicia que obtén esta capacitación, entrando a formar parte do grupo de 269 profesionais recoñecidos no conxunto de España, dos que a maioría exercen en Madrid e Barcelona, en despachos de patentes ou en empresas privadas.

O EQE conleva unha alta dificultade e esixencia, con catro exames independentes, de carácter práctico, que inclúen a resolución dun caso complexo nun idioma seleccionado pola persoa candidata e abarcan diversas áreas do dereito europeo de patentes, incluíndo o Tratado de Cooperación en materia de Patentes (PCT), o Convenio de París e a xurisprudencia das cámaras de apelación da Oficina Europea de Patentes.

Susana Torrente

Doutorada en Química pola USC, Susana Torrente comezou a súa carreira en industrias do sector químico-farmacéutico, no que as patentes son cruciais e no que descubriu o seu interese polo Dereito de Propiedade Intelectual e pola Transferencia Tecnolóxica. Desde 2007 traballa como técnica superior de Transferencia de Tecnoloxía na AVTE. Está certificada como RTTP (Profesional de Transferencia de Tecnoloxía Rexistrada) e xestiona entre 40 e 45 casos de patentes nas áreas de química, farmacia, nanotecnoloxía e novos materiais.

Coa súa traxectoria profesional, ten contribuído notablemente á transferencia de tecnoloxías da USC ao sector produtivo para que poidan chegar á sociedade, como no caso da tecnoloxía CicloTech®, das xestións realizadas en varios proxectos Ignicia, a partir dos cales se constituíron empresas spin-offs ou do apoio a proxectos de valorización, como o EIC Transition MeDICS.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.07.2025.