Ir o contido principal

Técnicos de toda Galicia participan nun curso de modelado e impresión 3D no campus de Lugo

Participantes no curso de modelado e impresión 3D organizado polo grupo USCAN3D da USC no campus de Lugo
Participantes no curso de modelado e impresión 3D organizado polo grupo USCAN3D da USC no campus de Lugo
O programa, organizado polo grupo USCAN3D da USC xunto coa empresa tecnolóxica Bq e o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, citou 20 participantes

Un total de 20 enxeñeiros industriais, agrónomos, topógrafos e de montes, arquitectos, aparelladores, así como licenciados e titulados en Xeografía e Historia, Ciencias Química e Belas Artes, procedentes, entre outros, de sectores da rehabilitación, a docencia escolar e universitaria e a investigación, tomaron parte participaron esta fin de semana como alumnos nun curso sobre modelado e impresión 3D desenvolvido no Campus de Lugo. A temática das primeiras sesións desta actividade formativa estivo centrada no modelado 3D a partir de fotografías, láser escáner ou de software de debuxo en 3D, e cada un dos participantes elaborou o modelo 3D virtual dunha goma de borrar tallada. A edición do modelo virtual elaborado, introducindo nel o seu nome en relevo e un soporte personalizado ocupou a a segunda xornada do curso desenvolvido no edificio Cactus do campus de Lugo. Na xornada de clausura, as persoas inscritas neste programa formativo de modelado e impresión 3D tiveron a ocasión de imprimir o seu modelo 3D personalizado nunha das impresoras postas á súa disposición polos organizadores do curso. Os participantes puideron levar así tras o traballo realizado: a goma tallada orixinal, o modelo 3D virtual elaborado co seu nome en relevo e a reprodución final impresa. O alumando deste curso desenvolveu as distintas accións formativas e prácticas programadas cun software gratuíto previamente instalado nos seus respectivos ordenadores portátiles. Daquela, algúns dos docentes que completaron este período de formación no eido do modelado e a impresión 3D, manifestaron o seu interese en reproducir o curso íntegro recibido aos seus alumnos. O licenciado en Belas Artes e profesor no CPI Plurilingüe Virxe do Monte de Cospeito, Jesús Mª Juaristi, avanzou neste senso a súa intención de aplicar á súa tarefa docente os contidos e coñecementos aprendidos neste curso. Juaristi sinalou asemade que este tipo de actividades formativas pode resultar de interese para outros profesores e estudantes de diversas materias (educación plástica, tecnoloxía, ciencias naturais, física e química, etc.) que queiran introducirse nestas técnicas de modelado e impresión 3D. A arquitecta técnica e docente de secundaria na especialidade de Tecnoloxía no CPI Pradenda-Crespos, Ana Belén Lamas Lombao, tamén amosou a súa disposición a aproveitar os conceptos aprendidos neste curso para introducir o modelado 3D nas materias de Tecnoloxía e Informática, xa que considera que os contidos deste curso poden ser interesantes e motivadores para aquelas persoas que se dedican á ensinanza e queiran aprender e mellorar no modelado e a impresión 3D. Unha aplicación diferente da aprendizaxe recibida no marco deste curso de modelado e impresión 3D é a que pretende facer o enxeñeiro técnico en Topografía con máster en Dirección de Proxectos José Luis Gude, quen está a completar o doutoramento en Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural e Civil na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo. Daquela, Gude pretende aplicar os coñecementos adquiridos para a realización de medición de pequenas estruturas, así como para a súa reprodución mediante maquetas ou modelos 3D de pequeno tamaño. Este investigador sostén que este seminario formativo en modelado e impresión 3D pode ser especialmente acaído para estudantes e profesionais do sector da construción e arquitectura que traballen na realización de medicións de precisión, así como para a execución de proxectos construtivos de obra civil que queiran introducirse nestas técnicas. Nesta mesma liña, enxeñeiros e arquitectos que tomaron parte neste curso salientaron asemade as múltiples posibilidades que ofrece a impresión 3D e o modelado 3D, xa que “ademais de xerar novas posibilidades de negocio, poden tamén ofrecer unha solución a moitos problemas”, indicaron. A primeira edición do curso de modelado e impresión 3D que vén de celebrarse no campus de Lugo constitúe unha acción formativa promovida polo grupo USCAN3D da USC. Este grupo de investigación con sede na Escola Politécnica Superior (EPS) de Lugo é especialista en modelado 3D, ademais de ser o responsable da organización do campionato mundial en liña para escolares D3Mobile Metrology World League. A Vicerreitoría de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do campus de Lugo, a Escola Politécnica Superior, o programa A Ponche entre ou Ensino Medio e a USC; o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia e a empresa Bq, unha das principais tecnolóxicas europeas que trata de axudar a entender a tecnoloxía. Esta firma, cuxos técnicos guiaron tamén un obradoiro aberto de modelado e impresión 3D, anima a usar a tecnoloxía e incluso inspira a súa creación apostando pola educación en tecnoloxía, a filosofía DIY (faino ti mesmo) e o software libre.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.02.2016.