Ir o contido principal

TecnoEduc reúne todos os axentes educativos na conferencia final do proxecto DLAB2 en Bruxas

O  alumnado do CPI O Cruce e as súas profesoras estiveron durante esta semana interactuando con alumnado belga, realizando diferentes actividades e visitas
O alumnado do CPI O Cruce e as súas profesoras estiveron durante esta semana interactuando con alumnado belga, realizando diferentes actividades e visitas
Digital Learning Across Boundaries profunda en estratexias de formación innovadoras mediante o uso da tecnoloxía, para que o alumnado europeo de educación primaria teña o seu papel protagonista como axente de cambio social
Santiago de Compostela

O Grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa da USC (TecnoEduc), dirixido pola profesora Beatriz Cebreiro, leva tres anos desenvolvendo experiencias educativas innovadoras con escolas de Galicia, mediadas por tecnoloxías. Baixo esta premisa,  formadores de docentes, futuros docentes, docentes en activo e alumnado do CPI O Cruce, reúnense durante esta semana en Bruxas, na conferencia final do proxecto DLAB2 da USC. Así, representantes da institución compostelá e deste centro educativo, xunto cos demais países que forman parte do consorcio— Dinamarca, Noruega, Bélxica, e Inglaterra— dan pulo a un curso para profesorado, coordinado pola investigadora Lorena Casal.  

Doutra banda, o alumnado do CPI O Cruce e as súas profesoras estiveron durante esta semana interactuando con alumnado belga, realizando diferentes actividades e visitas. “Este proxecto é un exemplo que demostra que a mellora educativa require un traballo coordinado e horizontal entre as Facultades de Ciencias da Educación e os centros educativos”, apuntan dende o proxecto. Os alumnos e alumnas de Cerceda serán os encargados de abrir a conferencia.

O proxecto Digital Learning Across Boundaries-DLAB2 profunda en estratexias de formación innovadoras mediante o uso da tecnoloxía, para que o alumnado europeo de educación primaria teña o seu papel protagonista como axente de cambio social. Coordinando este equipo de traballo e a implementación do proxecto en España, atópanse as profesoras da USC Beatriz Cebreiro López e Lorena Casal Otero, que destacan a importancia desta investigación para “impulsar a creación de espazos de colaboración e aprendizaxe internacional que fomenten estratexias pedagóxicas innovadoras de uso das tecnoloxías coa intención de desenvolver a creatividade, a colaboración e o emprendemento”. As accións do proxecto diríxense a mestres en activo, futuros mestres e formadores de profesorado.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.05.2022.