Ir o contido principal

Tecnoeduc testa robots sociais para previr o illamento no sistema educativo dos nenos e nenas con enfermidades graves

O proxecto  ABILITI é o terceiro proxecto europeo competitivo realizado por TECNOEDUC no ámbito da aplicación da Tecnoloxía Educativa á pedagoxía hospitalaria
O proxecto ABILITI é o terceiro proxecto europeo competitivo realizado por TECNOEDUC no ámbito da aplicación da Tecnoloxía Educativa á pedagoxía hospitalaria
O proxecto Abiliti profunda en sistemas de telepresenza manexables dende unha app que os cativos e cativas poderán sentar no seu pupitre, permitíndolles participar en clase e fortalecendo o seu vínculo coa comunidade educativa en períodos de convalecencia
Santiago de Compostela

O proxecto ‘ABILITI: Avatar Based Interaction and Learning In Times of Illness’ investiga de que xeito os sistemas de telepresenza poden previr o illamento no sistema educativo dos nenos e nenas con enfermidades graves e/ou crónicas. Así, este consorcio internacional do que forma parte a USC testa un robot físico para a interacción e a comunicación que permite ao alumnado con enfermidades crónicas ou de longa duración participar en clase e mesmo en actividades extraescolares, sen estar alí fisicamente, a través dunha app na súa  tablet. “Favorécese así a súa vinculación ao contexto e comunidade educativa nos períodos de hospitalización ou convalecencia no fogar”, apuntan dende o grupo de Investigación de Tecnoloxía Educativa (TECNOEDUC) da USC, dirixido pola profesora Beatriz Cebreiro. A coordinación do proxecto dende España corre a cargo das profesoras Carmen Fernández Morante e Lorena Casal Otero.

O proxecto, coordinado pola universidade austríaca de Klagenfurt, estuda en que medida o emprego de robots sociais reforza o sentido de pertenza e vinculación ao grupo e á comunidade educativa de referencia. Para iso, realízase unha análise das experiencias previas existentes a nivel internacional coa vontade de desenvolver unha metodoloxía educativa que permita a súa introdución nas escolas europeas. Ao longo desta semana, desenvolveuse na Facultade de Ciencias da Educación da USC a primeira xuntanza presencial do consorcio na que tamén interveu o vicerreitor de Política científica da USC, Vicente Pérez Muñuzuri. O consorcio do proxecto está integrado por institucións de Austria, Dinamarca, España, Estonia e Bélxica.

O equipo da USC colabora estreitamente coa Federación Española de Pais de Nenos con Cancro e, regularmente, coa aula hospitalaria do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. “Para o desenvolvemento do piloto, en España establecerase unha colaboración formal con ambas as entidades e se é posible ampliarase a outras Comunidades Autónomas”, explica Carmen Fernández Morante. A participación dos nenos/as e as súas familias é voluntaria e establecerase a través de sistemas de  telepresencia, emails ou outros formatos dixitais.

Formar o profesorado

O obxectivo do proxecto  ABILITI é mellorar a competencia dos actuais e futuros profesionais do ensino para previr o illamento social do alumnado que padece enfermidades crónicas, para mellorar a súa inclusión nas actividades da aula e a interacción social cos seus compañeiros, e fomentar o seu sentido de pertenza á súa escola e á súa clase mentres non poidan asistir ás clases presenciais. De feito, o equipo está a traballar nun informe de investigación que se elaborará a partir dunha pequena enquisa Internacional sobre o uso de sistemas de  telepresencia nas escolas dos países participantes. O estudo publicarase como libro electrónico e informará á comunidade académica das experiencias obtidas con avatares e outros sistemas de  telepresencia. A enquisa completarase cunha análise documental de toda a bibliografía científica, informes, normativas ou materiais que poidan identificarse en cada país respecto á cuestión de estudo.

Doutra banda, crearase o Manual do profesor/a, material dirixido aos profesionais da docencia, baseado en revisións de investigacións, entrevistas con profesionais e nos coñecementos adquiridos na pilotaxe dos resultados do proxecto. Proporcionará aos docentes información básica sobre os aspectos  socioemocionais do ensino a nenos/as enfermos/as e información sobre os sistemas de telepresenza existentes e as súas posibilidades e aplicacións. Incluirá recomendacións prácticas sobre métodos e ferramentas para a xestión do proceso educativo e a súa extensión aos contextos hospitalario e do fogar. O proxecto tamén impulsará un programa de formación do profesorado para os futuros docentes e profesorado en activo. Os tres módulos que o integrarán abarcan coñecementos psicolóxicos e pedagóxicos, orientación metodolóxica e técnica sobre o uso dos sistemas de telepresenza, así como recomendacións para a planificación das clases e a xestión da aula.

Finalmente, a creación de ‘A caixa de ferramentas de avaliación’ permitirá ao profesorado avaliar o impacto de sistemas de telepresencia na integración dos alumnos/as nas súas aulas e centros, e valorar ata que punto se logrou manter o sentido de pertenza e vinculación ao grupo de aula e comunidade educativa de referencia.

 Experiencias previas

O proxecto  ABILITI é o terceiro proxecto europeo competitivo realizado por TECNOEDUC no ámbito da aplicación da Tecnoloxía Educativa á pedagoxía hospitalaria. Co proxecto e-hospital (2005-2008) a USC xunto co seu socio tecnolóxico CESGA desenvolveron un sistema de e- learning pioneiro para pacientes adultos hospitalizados. Co proxecto ‘Create  your  Future’ (2014-2017)  TECNOEDUC liderou unha investigación pioneira sobre a experiencia educativa de mozos sobreviventes de cancro infantil e formulou propostas para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral. Con  ABILITI (2021-2024) probará e fundamentará o uso dunha tecnoloxía emerxente que podería mellorar a atención educativa e reducir o illamento do alumnado que padece enfermidades nas escolas europeas.

Esta iniciativa e os materiais formativos e ferramentas que se desenvolvan no proxecto ABILITI constituirán unha achega relevante ao traballo que, dende 2019, TECNOEDUC desenvolve mediante convenio específico da USC coa Federación Española de Pais de Nenos con Cancro no deseño e desenvolvemento de formación en liña do profesorado de todas as comunidades autónomas para atender ao alumnado afectado por enfermidades crónicas ou de longa duración.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.05.2022.