Ir o contido principal

Tecnoloxía láctea para o desenvolvemento rural

Vaca leiteira e toro representivo de Perú, na Aula de Produtos Lácteos da USC
Vaca leiteira e toro representivo de Perú, na Aula de Produtos Lácteos da USC
A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC forma a unha delegación peruana en técnicas e tecnoloxías acaídas para a elaboración de derivados do leite
Lugo

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus Terra da USC forma en técnicas e tecnoloxías acaídas para a elaboración de derivados do leite a unha delegación de queixeiros e produtores peruanos integrados nunha misión científica organizada desde a Universidade Peruana Unión, a través da súa filial de Juliaca, unha rexión localizada no sueste do país andino e no que a actividade gandeira e, nomeadamente a produción leiteira, teñen unha importancia salientable na economía local.

A misión peruana chegada este mércores á USC para participar neste programa de formación a demanda arredor das tecnoloxías dispoñibles para a valorización do leite, o aproveitamento de subprodutos e do desenvolvemento de novos artigos alimentarios con valor engadido, permanecerán no Campus de Lugo ata o vindeiro 6 de febreiro. As actividades de formación planificadas ao longo desta semana é intensa, segundo indicou a profesora da USC Elvira López Mosquera, adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Investigación, Transferencia e Innovación.

A visita ás instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC ocupou a xornada matinal desta comitiva suramericana, cuxos integrantes quedaron abraiados por ter á súa disposición “unha tecnoloxía superior”. Na filial de Juliaca da Universidade Peruana Unión, na que se imparten estudos superiores relacionados tamén co sector agropecuario, contamos cunha finca de prácticas na que temos gando bovino e tamén unha modesta planta na que tratamos de replicar algúns procesos da industria láctea, comentaron os investigadores peruanos.

“A elaboración de queixos e, sobre todo dunha variedade que presenta certas semellanzas co queixo manchego, aínda que non leva leite e ovella, absorbe a maior produción leiteira da rexión”, comentaron membros da delegación peruana, para logo engadir que “como o noso obxectivo pasa por diversificar a produción alén da actividade queixeira, optamos por visitar a Aula de Produtos Lácteos da USC para coñecer de primeira man as múltiples posibilidades que ofrece un centro de referencia internacional como pode ser este”.

O curso de carácter teórico é práctico deseñado pola Universidade Peruana Unión para desenvolver nas instalacións da APLTA inclúe sesións que abranguen as distintas fases e aspectos ligados aos procesos de industrias lácteas. Daquela, durante a súa estadía en Lugo, esta delegación peruana terá a oportunidade de participar en sesións formativas sobre control de calidade, tratamentos térmicos do leite, procesos de queixería e de elaboración de leite en po, así como técnicas e outros aspectos relacionados coa análise sensorial”, relatou a responsable de formación da APLTA, Mª Paz Fernández-Albalat .

A plan formativo que está previsto desenvolver nas instalacións da Aula de Produtos Lácteos da USC e que será impartidos por técnicos e profesionais ligados a este centro universitario estará reforzado cun non menos amplo programa de visitas a diversas queixarías e outras industrias leiteiras da contorna de Lugo, segundo explicou López Mosquera.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.01.2020.