Ir o contido principal

Telelugo estrea este luns 'O preguntoiro do Campus', gravado coa participación dos universitarios na Facultade de Veterinaria

Localia Telelugo emitirá este luns, ás 22:00 horas, o primeiro dos programas gravados o pasado mércores no Auditorio da Facultade de Veterinaria ‘O preguntoiro do Campus’, no que os universitarios son os encargados de entrevistar a unha figura destacada do panorama local e autonómico.
O alcalde de Lugo, José López Orozco, será o protagonista nesta primeira emisión, sometido á entrevista dos mozos de Lugo, mentres que o actual presidente da Confederación Hidrográfica do Norte, Jorge Marquínez, poderá verse o mércores 26. Pecha esta primeira fase a vicepresidenta segunda da Deputación Provincial, Lara Méndez o día 2 de xaneiro.
A condución do programa está a cargo de Salomé Pérez, presentadora da cadea. Neste primeiro programa colaboraron tamén a decana da Facultade de Veterinaria, Ana Bravo Moral, e o de Ciencias da Comunicación, José Miguel Túñez López. No segundo estarán presentes o decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas, José Díez de Castro, e o director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno. No terceiro programa repiten asistencia Ana Bravo Moral e Miguel Túñez. A parte técnica do programa estivo a cargo de traballadores de Telelugo e de alumnos da Fundación TIC.
Os alumnos das diferentes facultades que integran o campus lucense son os protagonistas, xunto ao entrevistado, deste programa, xa que son os encargados de formular as preguntas que desexen. A entrada á gravación é libre.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.12.2007.