“Temos que seguir sendo militantes na defensa da Universidade como unha institución autónoma”

O 4 de setembro de 1495, outórganse en Compostela dous documentos fundamentais para o xurdimento da Universidade en Galicia. Co obxectivo de rememorar esa data, xermolo do que hoxe é a USC, o Colexio de Fonseca acolleu o acto de apertura do curso universitario no Sistema Universitario de Galicia. No marco desta sesión conmemorativa, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, realizou un percorrido pola situación actual da universidade galega pero tamén dos seus desafíos máis inmediatos: autonomía universitaria, reto demográfico, vivenda e financiamento. O acto contou tamén coas intervencións do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e do presidente do Consello do Estudantado da USC, Andrés Couso Viana, e coa presenza dos reitores da UVigo, Manuel Reigosa, e da UDC, Ricardo J. Cao; así como dos presidentes dos seus consellos sociais, Ernesto Pedrosa e Antonio Abril; e da secretaria do Consello Social da USC, Marta Villamayor Álvarez. A lección maxistral correu a cargo do profesor Xosé Ramón Veiga Alonso.
Desafíos
“Asistimos atónitos a decisións políticas, mesmo en países que foron o berce da democracia, nos que se trata de someter esa autonomía das universidades a través de recortes arbitrarios de recursos e outras medidas absolutamente inadmisibles”, explicou o reitor da USC na súa defensa da autonomía universitaria. “Fronte a eses comportamentos temos que seguir sendo militantes na defensa da universidade como unha institución autónoma”, engadiu Antonio López.
A situación de “meseta” na que se atopa a evolución demográfica na actualidade foi outro dos aspectos nos que se detivo o reitor. Antonio López lembrou que o SUG contaba no ano 2000 con 95.000 estudantes, mentres que agora as tres universidades “sumamos escasamente 65.000”. Neste contexto resulta “esencial” ampliar o público obxectivo universitario engadindo outras franxas de idade de 25 a 65 anos, “onde cobra un papel esencial a formación da reciclaxe e actualización ao longo da vida con novas fórmulas como as microcredenciais”. Tamén hai que pensar, continuou o reitor, na atracción de estudantado internacional “cunha mirada clara en Latinoamérica sen renunciar a outras alternativas”. Entre os desafíos máis relevantes para o estudantado, o reitor tamén puxo o foco na necesidade dunha acción combinada das institucións, estatais, autonómicas e locais, para ofrecer solucións públicas ao problema da vivenda.
A LOSU abriu un novo marco normativo para a Universidade en España, circunstancia que obriga a cambios profundos no seo das institucións. Neste contexto, o reitor lembrou que ademais das modificacións que deben plasmarse nos Estatutos, “estamos xa inmersos na adaptación doutros cambios, particularmente os que teñen que ver co réxime de profesorado, na liña de reducir a temporalidade ao tempo que se estruturaliza o cadro de persoal”.
Para facer fronte a todos estes retos, o financiamento é un elemento fundamental. Antonio López Díaz recordou o novo escenario que se abrirá co remate dos fondos especiais Next Generation, no ano 2026. A este feito súmase a negociación dun novo plan de financiamento para o SUG que deberá estenderse entre os anos 2027 e 2031. “Será unha boa ocasión para avanzar cara ao obxectivo establecido na lei de dedicar o 1% do PIB ao gasto público en educación universitaria pública no conxunto do Estado para achegarnos á media de inversión dos estados membros da Unión Europea”, dixo o reitor da USC.
Antonio López Díaz, quen tamén apelou á necesidade de preservar a “lealdade institucional”, rematou o que foi o seu último discurso de apertura de curso como reitor con dous desexos: “pedir o cese do xenocidio e a guerra para que calquera persoa, en calquera parte do mundo, poida vivir e estudar en paz”, e lograr que a USC sexa, tal e como escribiu Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, “cerebro de Galiza irradiando cultura e saber mais alá dos lindeiros naturais da nosa Terra”.
Pola súa parte, o presidente Rueda destacou que o acto inaugural do curso é “unha chamada á reflexión colectiva sobre o papel das universidades en tempos convulsos”. O SUG, dixo Rueda, é “un sistema consolidado, recoñecido e plural”. As universidades son “un reflexo de Galicia” e, polo tanto, son plurais, subliñou para despois lembrar que as decisións no marco dese contexto plural deben facerse nun “espazo de consenso, confianza mutua e colaboración leal”.
“Alicerce do pensamento crítico”
O presidente do Consello do Estudantado, Andrés Couso Viana, comezou a súa intervención destacando o “orgullo” que implica dar voz ao estudantado nun acto como o da apertura do curso universitario xa que “a nosa voz ten que ser escoitada para construírmos unha universidade mellor”. A defensa do galego, o problema da vivenda ou a necesaria conciliación das clases coa vida laboral e persoal foron algúns dos aspectos nos que se detivo o presidente do Consello do Estudantado, quen tamén profundou nos sistemas de garantía da calidade ou no infrafinanciamento das universidades. Couso Viana reflexionou tamén arredor das crises económica, climática e humanitaria que están a marcar a actualidade para concluír que “a universidade ten, neste contexto, un rol imprescindible como alicerce do pensamento crítico para que a mocidade desgastada e desesperanzada da que formo parte poidamos ter a esperanza dun presente e dun futuro mellores”.
Lección maxistral
‘Muller e esfera pública no século XIX’ foi o título da lección maxistral que se impartiu no acto e que este ano correu a cargo de Xosé Ramón Veiga Alonso, profesor de Historia Contemporánea na Facultade de Formación de Profesorado do Campus de Lugo da USC. A lección comezou da man da figura de María Juana de la Vega Martínez, mais coñecida como Juana de Vega, e da súa “preocupación educativa”. O profesor Veiga sitúaa “dentro do selecto grupo de mulleres que puideron e souberon usar da escrita para teren voz nun século difícil e pouco agradecido coas gorxas femininas”. Pero o discurso inaugural non só se cingue ao eido das letras xa que a política é outra das facetas nas que destaca Juana de Vega malia ser este “un espazo vedado para as femias”.
A política, entendida como a xestión do público e do colectivo, do que afecta ao conxunto da comunidade, vai atopar no eido educativo “un dos espazos nos que dar unha batalla pola igualdade que, porén, no século XIX saldarase con máis sombras ca luces polo que fai á educación das nenas”. Así por exemplo, contra 1900, continúa o profesor Veiga Alonso, a taxa de analfabetismo das mulleres maiores de 10 anos superaba o 70% fronte á dos varóns que ficaba no 55%. Datos que evidencian que o sucedido con femias como Juana de Vega é tan só un exemplo loable pero puntual e insuficiente. Así, voces como as das galegas Concepción Arenal ou Filomena Dato tiveron que defender tanto a posibilidade como a utilidade da educación feminina. “A mesma Concepción Arenal confesa moitas veces que a caridade e o pensamento reformista son os vectores que guían a súa acción, e o mesmo acontece nas asociacións benéficas femininas que agroman polos anos medios do século XIX”, explica Veiga Alonso, quen concluíu a súa intervención cunha cita da escritora Emilia Pardo Bazán en referencia á muller galega do seu tempo que loita “cuerpo a cuerpo contra el hambre que la acecha”.


