Ir o contido principal

As temperaturas nocturnas que superan a barreira dos 20 graos incrementan a mortalidade no sur de Europa

O estudo atopou evidencias de que a mortalidade diaria está asociada a temperaturas nocturnas calorosas que superan os 20 ºC e, en menor medida, á duración desas noites calorosas en todos os países analizados. FOTO: Santi Alvite
O estudo atopou evidencias de que a mortalidade diaria está asociada a temperaturas nocturnas calorosas que superan os 20 ºC e, en menor medida, á duración desas noites calorosas en todos os países analizados. FOTO: Santi Alvite
Un estudo internacional coordinado polo investigador da USC Dominic Royé detecta que as noites calorosas incrementaron a mortalidade, entre os anos 2001 e 2014, nun 26% en Madrid; un 14%, en Bilbao; un 13 %, en Sevilla; e un 6%, en Barcelona
Santiago de Compostela

A calor nocturna excesiva e a duración das noites con elevadas temperaturas constitúen unha causa directa de mortalidade. Así o conclúe un estudo internacional coordinado polo investigador da USC Dominic Royé e no que por vez primeira se aborda o influxo destas variables na mortalidade do sur de Europa. A investigación publicada na revista Epidemiology recolle datos de once cidades situadas en España, Portugal, Francia e Italia. No caso español, o estudo detecta que entre os anos 2001 e 2014, as elevadas temperaturas nocturnas incrementaron a mortalidade nun 26% en Madrid; un 14%, en Bilbao; un 13 %, en Sevilla; e un 6%, en Barcelona.

“O impacto da contorna térmica sobre a saúde, a calidade de vida e o rendemento das persoas é un dos problemas de saúde pública vinculados ao cambio climático global, máis delicado”, explica Dominic Royé. As altas temperaturas nocturnas poden producir “estrés térmico prolongado”, o que se ve agravado “ao impedir que o corpo humano descanse durante a noite”, engade. Os aspectos nos que máis inciden as noites calorosas son o sono e o descanso. “A calor pode provocar alteración e privación do sono debido aos procesos necesarios de termorregulación”, sinala Royé.

O estudo atopou evidencias de que a mortalidade diaria está asociada a temperaturas nocturnas calorosas que superan os 20 ºC e, en menor medida, á duración desas noites calorosas en todos os países analizados. “É importante resaltar que o efecto nocturno sobre a mortalidade é independente das temperaturas diúrnas”, explican os investigadores. En concreto, demostrouse que os valores altos de noite calorosa están asociados a un aumento da mortalidade por causa específica.

O maior risco observouse en Portugal cun aumento da mortalidade do 37% en noites de excesiva temperatura, mentres que o menor risco prodúcese en Francia cun 12%. Os investigadores detectaron un incremento do 17% en cidades como Niza e do 19%, en Toulouse. Os resultados relativos ao influxo da duración da noite calorosa revelaron que só Portugal incrementa o risco de mortalidade nun 29%. Non obstante, a variable da duración incrementou a mortalidade nun 7%, en Roma; nun 8%, en Barcelona; e nun 12%, en Madrid.

Os resultados deste estudo proporcionan unha mellor comprensión da saúde nocturna e poden axudar a mellorar os sistemas de alerta de vaga de calor a nivel da poboación, ademais de considerar factores de risco individuais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.06.2021.