Ir o contido principal

Teñen as diferenzas de xénero unha base biolóxica?

Teñen as diferenzas de xénero unha base biolóxica?
Teñen as diferenzas de xénero unha base biolóxica?
A segunda Regueifa de Ciencia deste ano será o luns 22 ás 20.00 horas na Facultade de Ciencias da Comunicación

Na segunda Regueifa de Ciencia deste curso, a celebrar o luns 22 ás 20.00 horas en Ciencias da Comunicación, especialistas internacionais debaterán sobre en que medida o xénero é unha construción social ou biolóxica.

A existencia de roles de xénero complica moito a distinción de similitudes e diferenzas entre homes e mulleres de xeito natural. A interpretación social de ser home ou muller ten outorgado a cada persoa a súa función no mundo antes de nacer, e por iso hoxe faise complicado discernir que hai de biolóxico e que hai de cultural e aprendido no xénero. Dende a psicoloxía, moitos estudos se teñen centrado en investigar se esta distinción de roles se debe a diferentes aptitudes innatas ou, pola contra, se as desigualdades sociais son as que crearon estas diferenzas.

Partindo desta problemática, á pregunta ‘Teñen as diferenzas de xénero unha base biolóxica?’ defenderán o ‘si’ a investigadora da London School of Economics Rosalind Arden e o profesor de Psicobioloxía na Universitat de València Ferran Suay. No equipo do ‘non’ intervirán a escritora e xornalista autora do libro Inferior Angela Saini e a profesora de Investigación do ICMM-CSIC e membro da Comisión Muller e Ciencia do CSIC Pilar López Sancho.

Directo ou streaming Regueifas de Ciencia é unha serie de debates en formato Oxford arredor de temas científicos controvertidos que se celebra por terceiro ano consecutivo. Ao longo das dúas edicións anteriores tratáronse cuestións como a experimentación animal, a modificación xenética, a industria alimentaria, seguridade e privacidade dixital, ciencia e fe...

Os debates de Regueifas de Ciencia poden ser seguidos en directo dende a sala (entrada libre ata completar aforo), por streaming dende a páxina web da iniciativa ou ser vistos despois a través da canle de YouTube. “Tratamos de facilitar que calquera persoa interesada poida ver os debates. Mesmo poden preguntar aos relatores dende a casa e ser respondidos”, comentan dende o equipo organizador. Dado que este debate conta con relatores internacionais, a organización ofrecerá tradución simultánea para quen a necesite, tanto ao público da sala como o da casa.

Nesta edición de 2018, Regueifas de Ciencia amplíase coa convocatoria de Regueifiñas, un certame de debate dirixido a centros de ensino secundario, bacharelato e ciclos medios de formación profesional.

Regueifas de Ciencia, formada por profesores, investigadores e profesionais da comunicación científica, está promovida pola Universidade de Santiago de Compostela e financiada pola FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología), pertencente ao Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. Conta tamén coa colaboración de Leonor Parcero&Co.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.10.2018.